A aula CeMIT de Verín contará con dezaseis novas accións formativas no mes de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Durante o mes de xullo, a aula Multimedia do Concello de Verín ofertará dezaseis accións formativas para os/as usuarios/as interesados en ampliar os seus coñecementos no sector da comunicación e novas tecnoloxías.

Os cursos que terán lugar son: redes sociais, iniciación de vídeo, non tires nada: véndeo ou trócao, como crear unha revista ou catálogo de produtos en liña con ISSUU, correo electrónico, DNI electrónico, administración electrónica e compras seguras en Internet. Os mesmos serven de continuación aos realizados nos últimos meses que foron de ferramentas na nube, compras seguras, cloud computing, sincronización dos dispositivos, Internet, documentos on-line e presentacións on-line, opera co teu banco, alfabetización (iniciación, Internet, correo electrónico), redes sociais (Facebook, ferramenta na nube Google App, iniciación, Internet), ofimática (procesador de textos, folla de cálculo), e retoque fotográfico (presentacións gráficas).

A esta programación súmase as seguintes actividades das entidades colaboradoras: accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas (AFD), curso de alfabetización informática (Cruz Vermella Española en Galicia, do 01 ao 09 de xullo, de 20 a 22 horas), así como en colaboración co Programa Voluntariado Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia Amtega, impartiranse por videoconferencia os módulos de Innovación social. experiencias prácticas (3 e 4 de xullo) e Coaching para a transformación social (10 e 11 de xullo). A inscrición debe realizarse en http://www.voluntariadogalego.org/)

O obxectivo da Rede CeMIT é o de vertebrar territorial e socialmente Galicia, en especial onde a fenda dixital se fai máis evidente, impulsando, potenciando e difundo os coñecementos nas tecnoloxías da información e a comunicación da cidadanía galega. Todas as persoas interesadas en participar nestes cursos e seminarios deben realizar a súa inscrición na Aula CeMIT de Verín ou tamén na web da Rede CeMIT. Para máis información dirixirse a Aula CeMIT do Concello de Verín, situada na Avenida de Portugal, nº 11, andar 1- porta 11 ou no correo electrónicos: cemit.verin@xunta.es.

20 de xuño de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.