A Asociacion Ourensá de Axuda ao Toxicómano organiza diversos actos con motivo do día da loita contra a droga
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá nunha rolda de prensa na que a Asociación Ourensá de Axuda ao Toxicómano (ATOX) presentou a programación de actos organizada con motivo do Día Internacional da Loita contra a Droga, que se celebrará o vindeiro xoves, día 26. No acto estivo acompañado polos xefes territoriais das Consellerías de Sanidade e Traballo e Benestar, María Villar e José Selas, respectivamente; ademais de responsables de ATOX e representantes municipais.
Rogelio Martínez indicou que dende hai anos, a Xunta de Galicia vén de colaborar con esta entidade ourensá que leva traballando 26 anos no campo das toxicomanías. Explicou que a colaboración é transversal dende distintos departamentos autonómicos “o que demostra o compromiso do Goberno galego coas políticas sociais”.
Así, a Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, mantén un convenio con ATOX para o desenvolvemento de programas de incorporación social a pacientes con trastornos aditivos, de atención xurídico social e de prevención cun investimento de preto de 60.000 euros. Esta mesma cantidade é a que lle achega a Consellería de Traballo e Benestar ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social. A asociación destina esta axuda a un programa que desenvolve no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar de apoio á abstinencia, seguimento e inserción sociolaboral dos reclusos, amais doutro xenérico de reinserción.
O obxectivo dos actos organizados por ATOX é “sensibilizar á poboación en xeral da problemática da droga” a través dunha xornada festiva na que terá lugar unha manifestación cidadá de apoio a este colectivo, un torneo de fútbol sala e un xantar popular.
Segundo o Informe Estudes 2013 do Observatorio Español sobre Drogas realizado a mozos e mozas entre 14 e 18 anos, a idade media de inicio no consumo de drogas sitúase nos 14 anos, e o alcohol é a droga máis consumida, seguida polo tabaco e o cannabis. Cómpre destacar que se observa nos últimos anos un policonsumo, é dicir, o 35% dos mozos enquisados consumen máis dunha substancia.











