A Asemblea da ADR Terras do Deza fai balance das actividades e das contas do grupo

Asamblea da ADR Terras do Deza
A Asemblea da ADR Terras do Deza, reuniuse o pasado martes 3 de xuño nas instalacións que a aula UNED ten en Lalín. En devandita asemblea fíxose balance da actividade desenvolvida durante o ano 2013 así como das contas que se aprobaron por unanimidade dos seus asistentes. Outro dos temas tratados foi o relativo aos orzamentos dispoñibles para funcionamento do grupo e dos fondos para a posta en marcha de novos proxectos.
Durante o ano 2013 certificáronse 11 proxectos valorados en 1,4 millóns de euros, dos que 520.291,00 €corresponden ás subvencións concedidas. Isto supuxo 29 postos de traballo, entre consolidación e/ou creación de emprego.
En canto ás contas do pasado ano, foron aprobadas cun resultado positivo de 1.830 euros.
Con este exercicio que se pechou o pasado martes e durante o período que leva traballando na comarca, desde o ano 2009 xa se realizaron investimentos por un valor de máis de 5 millóns de euros, dos que 1,1 millóns foron en subvención.
En canto ao emprego durante todo o período creáronse 35 postos e consolidado outros 59.
Desde a ADR Terras do Deza destacan un aumento moi significativo na presentación de proxectos neste ultimo ano respecto dos anteriores, o que indica un repunte na actividade empresarial da comarca.
Anterior á celebración da Asemblea celebrouse unha xunta directiva onde se aprobou un novo proxecto, a Construción dun invernadoiro para produción de plantas ornamentais, froiteiras e flor cortada en Merlín, Agolada promovido por Rosa Igrexas Meijome. Un proxecto moi interesante, entre outras cousas, porque tanto a promotora como as empregadas son mulleres, todas elas menores de 40 anos.
Nesta reunión aprobouse tamén a apertura da nova convocatoria de axudas do Programa Leader para os anos 2014 e 2015, fixando o día 13 de xuño como día de comezo da apertura destas.
O orzamento asignado para as axudas do Programa Leader para estes dous anos e que xestiona a ADR Terras do Deza, ascende a 800.000, para o ano 2014 e 2015 e estarán dispoñibles ata o 31 de marzo de 2015, ou ata que se comprometan todos eles.
Os promotores interesados en presentar proxectos poderán facelo a partir do venres 13 de xuño nas oficinas da ADR Terras do Deza, situadas non P.I: Lalín 2000, Rúa e, s/n Lalin (Pontevedra).











