500 deportistas tomarán saída na I Carreira popular de San Sadurniño
A zona da Cortiña acollerá este domingo a I Carreira popular de San Sadurniño, organizada polo Concello, o colexio público e a ANPA do centro. Poucas horas antes do peche do prazo de inscrición xa se rexistraran 487 solicitudes, a maior parte delas para a categoría absoluta. A iniciativa presegue a diversificación da oferta deportiva no municipio, así como a promoción de hábitos saudables.
O evento presentóuselle aos medios na Galería Sargadelos de Ferrol o martes pasado coa presenza do director de Lois Anxo Rodríguez por parte do CPI e de Suso Soto e Agustín Pérez en representación do Concello. O concelleiro de Facenda sinalou que a carreira se enmarca nun programa de actividades máis amplo onde tamén se incluiron as camiñadas parroquiais, a ruta de sendeirismo do pasado domingo, a roda cicloturista do 15 de xuño, a apertura da piscina municipal -o día 20- e a xornada de surf na praia de Pantín para os máis pequenos. Tal e como asegurou Soto, “búscase diversificar a oferta deportiva en contraposición ao fútbol e o volei, que xa están asentados”.
Pola súa banda, o director do CPI explicou que o centro conta cun programa de deporte e alimentación saudable no que se inscribe a organización da carreira popular como unha actividade lúdica na que vai participar case a metade do alumnado do centro. “Un éxito, tendo en conta que é unha actividade fóra do horario lectivo”, dixo Lois Anxo Rodríguez.
Ata o mediodía do xoves -derradeiro día de inscrición- xa se apuntaran na I Carreira popular un total de 487 persoas: 334 na categoría absoluta, 40 na de menores nados entre 2002 e 2004, 37 en benxamíns e 76 en pitufos. Ademais, parte dos e das deportistas correrán agrupados nalgún dos 12 equipos rexistrados na casa da Cultura nos últimos días.
A saída da primeira carreira darase ás 11.30 horas para a categoría infantil de primeiro ano e alevín, tanto masculina como feminina -anos 2002, 2003 e 2004-, sobre unha distancia de 1.350 metros arredor do paseo fluvial. Vinte minutos despois sairá a rapazada inscrita en infantil de segundo ano e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.400 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.
Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 13.00 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2005 e 2006- e para as 13.10 a de pitufos, na que participarán nenos e nenas nacidos a partir de 2007. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 200 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas.
A carreira organizada polo Concello e polo CPI contará coa asistencia de xuíces e xuízas de atletismo e as marcas cronometraranse con chips. Tanto estes dispositivos como os dorsais haberá que retiralos entre as 9.15 e as 11.20h. para a carreira absoluta -infantís de 2º ano e veteráns-, mentres que o resto de categorías deberán facelo media hora antes das súas respectivas probas.
Todas as persoas inscritas estarán cubertas cunha póliza de responsabilidade civil e de accidentes deportivos. Ademais, a organización tamén disporá de servizos médicos e ambulancia desde unha hora antes do comezo das competicións e ata media hora despois de que remate o evento.
Só por participar todos e todas levarán un agasallo. As medallas e trofeos irán para o equipo gañador, para 11 categorías por idade máis -tres primeiros clasificados en masculino e feminino- e para os participantes masculino e feminino de maior idade.











