2naFronteira presenta o seu novo disco ‘Zapatiños para Díaz Castro’ no CGAC
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será o escenario da presentación en Santiago de Compostela do novo disco do grupo 2naFronteira, ‘Zapatiños para Díaz Castro’. Carmen Penim (voz) e Maurizio Polsinelli (piano) farán un percorrido polos temas do seu novo traballo discográfico, baseado no poemario ‘Nimbos’, do poeta lucense Xosé María Díaz Castro.
Na actuación, que terá lugar mañá, venres, 13 de xuño, ás 19:30 horas, os dous artistas convidarán o público a realizar unha viaxe musical polos versos do escritor ao que a Real Academia Galega lle dedica en 2014 as Letras Galegas. O próximo concerto do grupo será o vindeiro 27 de xuño, ás mesma hora, no Museo de Belas Artes da Coruña da Consellería de Cultura e Educación.
´Nimbos’, ‘Noite do mundo’, ‘Alalá do verme e a estrela’, ‘Esmeralda’, ‘No novo ceo’, ‘Penélope’ e ‘Coma un río’ son algunhas das pezas que conforman o último traballo discográfico desta formación musical, que lle rende unha homenaxe musical ao poeta e tradutor de Guitiriz.











