23 relatos participan no certame galego das artes pola igualdade de xénero en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Pazo da Marquesa acollerá este sábado a partir das 11.30h. o acto de entrega de premios do I Certame galego das artes pola igualdade de xénero, organizado pola empresa Bolboreta en colaboración cos concellos de San Sadurniño, A Capela, As Pontes, Xermade, Cospeito e Ribadeo. Ao certame presentáronse un total de 23 obras orixinais: 6 na categoría infantil, 7 na xuvenil e 10 na de persoas adultas. Esta primeira edición homenaxea á escritora Helena Villar Janeiro, quen asistirá ao evento para entregar os premios e para presentar a súa obra “Remontar o río”.

A apertura e a presentación do acto correrá por conta de Ita Ramudo e Montse Fernández, integrantes da empresa de servizos á infancia Bolboreta S.C.. Esta firma convocou os premios a primeiros de maio co obxectivo de concienciar sobre a igualdade entre mulleres e homes a través da creación.

Canda elas estarán Secundino García; o alcalde das Pontes, Valentín González; o da Capela, Manuel Meizoso e a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, Lugo, 1940). Terán a encomenda de entregar os premios ás ganadoras e/ou ganadores, elixidos por un xurado formado por tres profesionais da lingua, a pedagoxía e a igualdade. 

Tres disciplinas que, curiosamente, se xuntan na traxectoria vital de Villar Janeiro. De feito, a autobiografía da autora recolle que se criou nun clima familiar no que se defendía a igualdade da muller e que foi tamén na casa durante a infancia cando descubriu o valor da cultura e da lingua. A relación coa pedagoxía vénlle de se licenzar en maxisterio, unha disciplina que a abocou primeiro á lírica “mentres rexía escolas nas paisaxes idílicas dos Ancares” para despois saltar á narrativa, o ensaio e a opinión xornalística.

A poesía é protagonista da última obra da escritora, titulada “Remontar o río”, que se presentará no transcurso do acto. É un libro atípico pola súa concepción. Está deseñado sen lombo e as follas son despregables, deixando que os poemas flúan diante da vista coma a auga. Disque os primeiros apuntamentos para o poemario xurdiron dunha viaxe polo Danubio arriba. Unha escusa, un detonante creativo para que Villar Janeiro revise a adolescencia.

Como peche do acto está prevista unha breve actuación do trío folk “Os dous de sempre+un” mentres as persoas asistentes degustan un aperitivo.

Tempos para compartir

Este sábado pola tarde tamén se despide o programa Tempos para compartir. Será ata despois do verán e farao cun obradoiro de encadernación de libretas sen empregar adhesivos. Terá lugar no local social do Camiño Arriba entre as 15.30 e as 19 horas.

O último Tempos para compartir coincide no día coa entrega dos premios da VIII Gala da Educación organizada pola ANPA Picapeixe do colexio Nicolás del Río de Cedeira. O Concello recibirá un galardón polo Tempos… na modalidade de programas socioeducativos. Outro dos premios irá parar ao CPI de San Sadurniño.

13 de xuño de 2014 | 11:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.