15 persoas desempregadas rematan o curso sobre coidados de persoas discapacitadas
Un total de 15 persoas desempregadas -12 mulleres e 3 homes- finalizan mañá, xoves 26, o itinerario de inserción laboral “Coidados de persoas discapacitadas físicas e psíquicas”, organizado polo Concello de Ferrol dentro do programa “Ferrol Punto de Emprego II”. Esta acción formativa deu comezo o pasado 14 de abril e ten unha duración total de 295 horas.
O curso contemplou diferentes módulos: de formación específica (110 horas), de práctica profesional titorizada en empresas (150 horas), de formación transversal (35 horas) e titorías individuais e grupais durante todo o itinerario integrado de inserción laboral. Os quince alumnos participantes no curso realizaron as prácticas profesionais na Residencia de persoas maiores de Laraxe (Grupo Xeriatros). A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, explicou que o obxectivo deste itinerario sobre “Coidados de persoas discapacitadas físicas e psíquicas”, é dotar aos participantes da suficiente competencia na atención a persoas con discapacidade física e/ou psíquica tanto en ámbitos institucionais como no propio domicilio. Para elo, o alumnado aprenderá a aplicar as estratexias e os procedementos adecuados para manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno.
O proxecto do Concello de Ferrol “Ferrol Punto de Emprego II”, está financiado en parte polo Fondo Social Europeo (FSE), e ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral











