15 empresas da Eurorrexión ofertarán 45 postos de traballo nos Job Days en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+

O edificio da Área Panorámica de Tui acollerá o próximo martes, 1 de xullo, os primeiros Job Days da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O seu obxectivo é propiciar a contratación de traballadores transfronteirizos en empresas do sector do metal.

A presentación deste Job Days tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Tui contando coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, a directora da AECT, María Geraldes, o secretario da AECT, José Lago, a responsable do EURES Transfronteiriço Galicia-Norte Portugal, Teresa Ventín, e unha representante de ASIME, Lucía Martínez.

A inauguración terá lugar ás 10.30h a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a directora da AECT, María Geraldes, o presidente de ASIME, Julio Gómez, o presidente da Direçao da AIMMAP, Aníbal José da Costa, o presidente da CCDRN-N e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Emídio Gomez, do secretario de estado do Emprego de Portugal, Octávio de Oliveira, e do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Nesta xornada serán ofertados corenta e cinco de postos de traballo por parte de quince empresas do sector afincadas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en concreto oito son galegas e sete portuguesas. Os interesados en participar neste proceso selectivo débense inscribir ata hoxe na web da AECT cubrindo a ficha de en inscrición.

Están previstos amais distintos debates co tema “As Pemes como motor de crecemento no período 2014-2020”, “Os desafíos empresariais da innovación industrial”, “O Mercado de traballo transfronteirizo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal” e “Período de financiamento comunitario 2014-2020 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou na presentación desta mañá que nestes Job Days farase a contratación efectiva de 45 persoas que atoparán traballo no sector do metal, grazas a que as ofertas presentadas polas empresas serán relacionadas cos demandantes que se inscriban nesta actividade. Amosou a súa gratitude polo feito de celebrar este encontro da Eurocidade que continúa a traballar neste caso nun tema tan importante coma é o do emprego.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, puxo o aceno na súa intervención coma nun momento no que o desemprego segue a ser un problema na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é preciso aunar esforzos para minimizar ese drama, dicía. Amosou o seu orgullo por acoller este Job Days na Eurocidade.

A directora da AECT, María Geraldes, explicou coma ás 45 vacantes que se ofertan se presentaron xa 70 candidatos, unha cifra que agardan incrementar ata o centenar. Engadía coma este será un evento temático dirixido ás necesidades das empresas e o traballo, que supón un desafío xa que difire do modelo habitual deste tipo de actividades. Destacou asemade o interese que os debates que se van celebrar teñen tamén para as empresas da Eurorrexión, agardando que este primeiro Job Day contribúa a diminuír a situacion de desemprego na zona.

 

25 de xuño de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.