Xornada técnica de presentación de servizos do centro provincial de asesoramento empresarial
Solucións para aforrar nas comunicacións da empresa, comercio electrónico, xestión on line dun negocio son algunhas das ferramentas de xestión que os 5.100 autónomos e micropemes de Deza e Tabeirós teñen á súa disposición no CPAE Trátase de que cada empresario reciba o asesoramento tecnolóxico máis adaptado ás súas necesidades As accións formativas está previsto que dean comezo en xuño
O Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0) de Deza e de Tabeirós-Terra de Montes, sito nas instalacións do punto CPAE 2.0 en Lalín, no edificio da Aula Universitaria da Uned de Lalín, desenvolveu hoxe unha xornada de traballo destinada a concelleiros responsables da área de Promoción Económica e a técnicos municipais de emprego de todos os concellos que agrupan as dúas ditas comarcas para explicarlles os servizos que se ofrecen neste punto de asesoramento empresarial.
No dito encontro, no que participou a concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, o responsable do proxecto Antón Sineiro e os técnicos que atenden a oficina, Nuria Sotelo e Amador Loureiro, explicaron de primeira man aos participantes os servizos de información, asesoramento e capacitación en novas tecnoloxías e TIC no ámbito empresarial que se ofrecen desde o dito CPAE ás pequenas empresas a través desta oficina que ten en marcha a Deputación de Pontevedra desde o pasado 15 de marzo (é unha das seis da rede que a Deputación puxo en marcha na provincia de Pontevedra).
Nas instalacións da Aula da Uned, o tecido empresarial máis numeroso destas comarcas (autónomos e micropemes) terá á súa disposición persoal técnico especializado para axudarlles a mellorar a súa competitividade, por medio do uso das tecnoloxías da información e da comunicación.
Esta reunión enmárcase nas liñas de colaboración entre os concellos e a Deputación de Pontevedra para desenvolver iniciativas conxuntas e xornadas de traballo de difusión deste servizo integral de asesoramento para pemes. Hai que destacar que esta iniciativa, que foi presentada oficialmente a mediados do mes de marzo, nace como resposta á crise sufrida por autónomos e micropemes na provincia e ten como principal obxectivo mellorar a competitividade das pequenas empresas a través da innovación e do uso das novas tecnoloxías.
MELLORAR A COMPETITIVIDADE A TRAVÉS DA INNOVACIÓN
No CPAE 2.0 emprazado en Lalín os 5.100 autónomos e micropemes das Comarcas de Deza e de Tabeirós-Terra de Montes poden obter información e asesoramento no ámbito empresarial co fin de mellorar a súa competitividade a través da innovación. A través desta iniciativa trátase de que cada día sexan máis as empresas que aproveitan as novas tecnoloxías para mellorar a súa xestión, a súa produtividade, a súa relación co cliente ou a comercialización dos seus produtos. As consultas poden facerse de forma presencial, por teléfono ou a través da rede (correo electrónico ou dispositivos móbiles).
ASESORAMENTO ADAPTADO ÁS NECESIDADES
Solucións para aforrar nas comunicacións da empresa, xestión on line dun negocio, controlar o stock da empresa desde un dispositivo móbil ou poñer en marcha plataformas de comercialización a través da rede son ferramentas de xestión que autónomos e micropemes de Deza e Tabeirós-Terra de Montes teñen á súa disposición no CPAE de Lalín e que lle poden ser de utilidade. Trátase, en definitiva, de cada empresario reciba o asesoramento tecnolóxico máis adaptado ás súas necesidades.
Ata o momento e segundo explicaron os técnicos responsables do proxecto, xa se desenvolveron diversas accións de asesoramento en todos os centros e está previsto que as accións formativas dean comezo o vindeiro mes de xuño, entre as que haberá específica sobre o comercial electrónico a través da posta en funcionamento dunha plataforma para relanzar os produtos da zona.











