Xornada de portas abertas no centro de día de Muros para coñecer as súas actividades e instalacións
Os profesionais do centro de día de Muros están a desenvolver unha serie de actividades dirixidas a dar a coñecer aos veciños este servizo, que entrou en funcionamento o pasado mes de novembro.
Así, mañá martes impartirase no centro cultural de Miraflores unha charla informativa na que a directora e a educadora social do centro de día falarán sobre as actividades que se levan a cabo nas instalacións e sobre os servizos que se prestan.
Tamén falarán doutras cuestións como quen son os potenciais usuarios, cales son os requisitos de acceso, que hai que facer para acceder a unha praza ou cales son os obxectivos dun centro de día. A charla comezará ás 11 horas.
Xornada de portas abertas
Ademáis, este venres día 23 o centro de día celebrará unha xornada de portas abertas. Así, dende as 10,45 ata as 12,45 horas e dende as 16,00 ata as 17,15 horas todas as persoas que o desexen poden achegarse ata o centro para coñecer as instalacións e ver en persoa as actividades nas que estean a participar os usuarios.
O centro de día de Muros pertence á rede de centros de atención a persoas maiores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O servizo de centro de día defínese como un servizo xerontolóxico e de apoio ás familias que durante o día presta atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no contorno habitual.