Xaquín Carro e Severino Ortiz ofrecen un concerto no Auditorio de Cedeira
O Auditorio Municipal de Cedeira será escenario este sábado, 17 de maio, do concerto de violín e piano do músico local Xaquín Carro Cribeiro e Severino Ortiz Rey, dúas xóvenes promesas galegas da música clásica. A actuación, coa que se conmemora o Día das Letras Galegas, dará comezo ás 20 horas e o precio das entradas, como é habitual, será de 2,50 euros.
Xaquín Carro Cribeiro nace en Cedeira en 1991, aínda que se traslada a vivir a Santiago de Compostela con tan só tres anos. Con seis, comeza a estudar violín na Escola de Música Berenguela con Elena López Felpeto. Cursa o programa The Associated Board of the Royal Schools of Music finalizando en 2007 o 8º grado. Un ano despois comeza as clases con Nicolai Velikov, Violinista da Real Filharmonía de Galicia. Con el prepara as probas e accede ao Conservatorio Superior de Música de Vigo e á Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM). Nos veráns de 2007, 2008, 2009 e 2011 asiste ao Curso Internacional de Música de Llanes con Cibrán Sierra, membro do Cuarteto Quiroga. En Vigo estuda con Marta Vélez e no 4º curso de Superior marcha de Erasmus ao Conservatorio de Música de Utrecht coa profesora Joyce Tan, ano no que tamén recibe clases de Lisa Jacobs. Colabora con diferentes orquestras como a Orquesta Xove da Sinfónica de Galicia (OSJG), a Orquesta da EAEM, a Orquesta Vigo 430, a Xove Orquesta Nacional de España (JONDE) e a Real Filharmonía de Galicia. Nestas diversas participacións tivo como directores a Antoni Ros Marbá, Jordi Mora, Maximino Zumalave, Alejandro Garrido, José Luís Temes, Lutz Köhler e Jesús López Cobos. Tamén recibe masterclass con profesores como Mariana Todorova. Severino Manuel Ortiz Rey realiza os seus estudos con So Young Moon e Vladimira Smausova, recibindo a Primeira Mención de Honor de Piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Perfecciónase na Academia Superior de Música e Artes Escénicas de Praga durante os anos 1998-2000 con Frantisek Malý e no Conservatorio de Música de Centro-Finlandia (2000-2001) con Oleg Mantur. Interpretou como solista o concerto nº3 de Beethoven coa orquesta “Vigo 430” (maio 2009), o concerto nº1 de Liszt (decembro 2011) coa orquesta “Clásica” de Vigo e o concerto nº1 de Chopin coa Orquesta Filarmónica Cidade de Pontevedra (marzo 2012). Foi profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Lugo (2001-2004). Actualmente e dende o ano 2004 é profesor de piano e pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo.











