Visita nocturna para homenaxear aos escritores soterrados non cemiterio de San Amaro polo Día das Letras Galegas
A visita guiada nocturna polo cemiterio de San Amaro organizada polo Consorcio de Turismo, que preside Luisa Cid, cambia este sábado, 17 de maio, o seu itinerario habitual para render homenaxe aos escritores galegos que repousan no camposanto coruñés. O Consorcio de Turismo súmase desta forma aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas.
Cunha hora e media de duración e capacidade para 30 prazas, a visita guiada comezará ás 20.30 horas e centrarase en visitar as tumbas de autores crave do Rexurdimento: Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Manuel Murguía. Ademais, abordarase a obra e o contexto histórico de máis dunha decena de autores cuxos restos tamén descansan en San Amaro, visitando as sepulturas de Clara Curral, Francisca Herrera e Elisa Lestage, dos irmáns Vilar Ponte, Wenceslao Fernández Flórez, Manuel Lugrís, Eladio Rodríguez, Galo Salinas, Evaristo Mortelo ou Francisco da Iglesia.
A ruta forma parte do programa de visitas guiadas posto en marcha polo Consorcio de Turismo para promocionar edificios e lugares emblemáticos da cidade e que inclúe percorridos como o Palacio Municipal, o parque escultórico da Torre de Hércules ou a cidade de Picasso.
Trátase de visitas teatralizadas nas que un personaxe histórico ou imaxinario -no caso da visita a San Amaro o guía é Fiz de Cotobelo, figura extraída da obra do Bosque Animado– explica aos visitantes a historia, anécdotas e mitos do percorrido. Todas as visitas do programa impulsado polo Consorcio de Turismo son gratuítas e para apuntarse hai que dirixirse á Oficina de Turismo da praza de María Pita ou chamar ao número de teléfono 981 923 093.











