Vintedous xóvenes practicarán oratoria para mellorar as dotes comunicativas no ámbito social e laboral
O curso de Oratoria e presentacións de alto impacto organizado pola Concellería de Xuventude captou o interese da mocidade xa que se cubriron as 22 prazas dispoñibles. A través desta acción formativa, os alumnos terán a oportunidade de mellorar as dúas dotes comunicativas a efectos de aplicalas con éxito tanto no eido social como laboral. As clases desenvolveranse no Auditorio o venres, 2 de maio pola tarde, e durante a mañá do sábado 3. Trátase dunha actividade gratuíta.
Falar axeitadamente en público, xa sea para a realización dun exame verbal, para dar unha conferencia, dirixirse a un grupo de traballo ou impartir unha clase, non é unha cualidade que todo o mundo teña de forma innata, pero si é unha ferramenta moi útil para abordar este tipo de situacións así como afrontar unha entrevista de traballo. Esta foi a razón pola que a Concellería de Xuventude decidiu organizar este curso de oratoria destinado a persoas 16 a 35 anos.
Con esta actividade, a Concellería que dirixe Sangra García segue abrindo novos campos formativos nos que a mocidade poida adquirir ferramentas que lle resulten de utilidade á hora de mellorar as súa empregabilidade ou coñecementos en xeral.
O curso de oratoria terá unha duración de 6 horas lectivas e impartirase no Auditorio en dúas sesións: o venres, 2 de maio de 17 a 20 horas, e o sábado, 3 de maio, de 10 a 13 horas.
As clases serán principalmente prácticas baseándose a metodoloxía en catro bloques. No primeiro, o alumno-orador recibirá información, técnicas e recomendacións de cada unha das habilidades que conforman o programa. No segundo, analizaranse casos prácticos a base de vídeos, artigos, estudios e información selecta e complementaria.
No terceiro bloque comeza a fase práctica que permite asentar coñecementos e descubrir debilidades. práctica individual é un dos momentos claves do curso e ocupará case toda a segunda sesión. Mentres o grupo realiza unha práctica conxunta, analízase un a un a cada participante e se lle ofrece unha primeira análise sobre as súas fortalezas e debilidades, como punto de partida básico para que siga formándose e mellorando as súas habilidades.
E por último, no cuarto bloque ofrecerase asesoramento personalizado e individualizado a cada participante a efectos de darlles consellos concretos sobre os seus puntos fortes e débiles como oradores, así como unha base para o traballo persoal.











