Vilagarcía rexistra 92 inscricións para os campamentos urbanos de verán
O prazo de inscrición para participar nos Campamentos Urbanos de Verán organizados pola Concellería de Xuventude rematou o pasado venres cun total de 92 nenos e nenas anotados. O departamento que dirixe Sandra García ofertou 100 prazas divididas en grupos de 50 nas sedes emprazadas nos centros Piñeiriño e A Lomba. As actividades desenvolveranse en horario de mañá durante os meses de xullo e agosto como alternativa socio educativa e de lecer para os cativos e como medida favorecedora da conciliación laboral e familiar. O 20% das 100 prazas rexistradas resérvanse para casos derivados dos Servizos Sociais.
Os Campamentos Urbanos están dirixidos a nenos e nenas empadroados en Vilagarcía de entre 4 e 7 anos de idade. O programa de actividades a desenvolver durante os dous meses que dura o programa inclúe obradoiros artísticos, creativos, manualidades, xogos guiados e libres e outro tipo de actividades atractivas e divertidas para os cativos e coas que tamén se pretende fomentar a educación en valores, a convivencia e as relacións sociais.
As familias tiveron a oportunidade de inscribir aos seus fillos nos campamentos Urbanos de Verán polo período completo de dous meses, un só mes ou en diferentes quincenas do período. Xuventude da estas alternativas a efectos de que as familias poidan acomodarse o mellor posible aos horarios laborais dos proxenitores e tamén aos períodos vacacionais dos pais. A cota depende da duración do período elixido e establécense diversas bonificacións. A cota xeral polos dous meses é de 100 euros, 60 por asistir un só mes e 30 euros por quincena.
Unha vez pechado o prazo de inscrición, a Concellería que dirixe Sandra García disporá dunhas semanas para efectuar a baremación das solicitudes a efectos de establecer as bonificacións oportunas e fixar a cota a pagar por cada neno. A lista provisional de admitidos e a cota a abonar publicarase o 12 de xuño.











