Vilagarcía realizará unha poda de clareo no parque da Compostela para combater o exceso de humidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Concellería de Medio Ambiente realizará unha poda de clareo en árbores do Parque da Compostela co obxecto de combater o exceso de humidade que afecta á masa arbórea. A medida recibiu o visto bo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro que ditaminaron que a rotura de ponlas e o secado dalgúns exemplares debíase á presenza de dous fungos que se desenvolven en condicións de humidade alta.

A poda de rareo foi contratada pola Xunta de Goberno local a unha empresa especializada neste tipo de traballos posto que pola envergadura das árbores a tratar e a proximidade coas ramas doutros exemplares non se pode usar guindastre, senón que é preciso utilizar a técnica de trepado. Será Podas Gallaecia a encargada de realizar os traballos que conta cun orzamento de 1.452 euros.

A poda afectará a dous grandes eucaliptos do Parque e ten como obxecto reducir a masa arbórea e minimizar o efecto pantalla do vento. Os traballos serán executados por técnicos arboristas cualificados en técnicas de trepa, máis persoal de apoio en terra.

O Concello de Vilagarcía, a través do servizo de Xardíns, solicitou hai meses un informe sobre a situación da masa forestal do Parque da Compostela á Estación Fitopatolóxica do Areeiro despois de que cos temporais do pasado inverno se desprenderan varias ponlas das árbores máis vellas e se secaran outras.

Segundo explicaron os técnicos de Areeiro no seu informe, a podremia pola que se ven afectadas partes dalgunhas das árbores máis vellas do Parque da Compostela está causada pola acción duns fungos que están naturalmente presente no solo pero que se multiplican en condicións de humidade e calor. Trátase de Armillaria Mellea e Fhytophthora sp que, aínda que se atopan de xeito natural no solo, proliferan e se multiplican cando se someten a condicións prolongadas de calor e humidade. Como nesta zona o clima temperado xa ven dado, o factor que fixo que os fungos se reproduciran de xeito importante foi o exceso de humidade resultante dos sistemas de rego artificial do céspede.

Segundo explica o encargado de Parques e Xardíns, ás árbores adultas bástalles para vivir a auga procedente da chuvia e son moito máis sensibles aos excesos de humidade canto máis anos teñen. Isto, unido á proliferación dos mencionados fungos fai que os exemplares máis vellos resulten moi vulnerables aos fungos que os atacan penetrando neles a través da raíces para ir subindo polo tronco ata chegar ás ramas. A acción destes axentes patóxenos vai podrecendo ás árbores dende dentro e aumentando a súa fraxilidade, razón pola cal algún exemplar secou e varias ramas acabaron tronzando.

Para frear o avance dos fungos, o encargado de Xardíns propuxo a realización dunha poda de clareo que contribúa a unha mellor circulación do aire entre as árbores para facilitar o secado das copas.

21 de maio de 2014 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.