Vilagarcía obtén 3 bandeiras azuis para o Cira e as praias de Campanario e Preguntorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Nada menos que tres Bandeiras Azuis ondearán este verán en Vilagarcía. A Adeac acaba de dar a coñecer a lista de galardóns á calidade medioambiental e de servizos cos que este ao se recoñecen ás praias do Campanario (Bamio) e Preguntoiro (Vilaxoán) e ao Centro de Interpretación da Ría de Arousa situado no Paseo Marítimo. A noticia foi acollida con gran satisfacción por parte do goberno local que confía que estas tres bandeiras repercutan de forma moi positiva na promoción turística e na propia imaxe da cidade.

O Concello de Vilagarcía presentou este ano á Adeac tres candidaturas de Bandeira Azul e logrou o pleno. A praia de Bamio repite o distintivo que estreara o ano pasado e a de Preguntoiro recupérao despois de que a bandeira ondease no verán de 2012 por primeira vez e non se lle concedera posteriormente. Aos galardóns destes dous areais súmase o do CIRA, que izará a Bandeira Azul por cuarto ano consecutivo.

As baldeiras azuis son un símbolo e un estándar mundial de ecocalidade turística, recoñecido e apoiado polos organismos das Nacións Unidas. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) é o organismo autónomo e independente que se encarga a nivel mundial de comprobar se os areais e instalacións cumpren cos requisitos de calidade e servizos que se precisan para obter o galardón e de concedelos anualmente.

O alcalde, Tomás Fole, puxo de manifesto hoxe a súa satisfacción propia e a de todo o grupo de goberno polo rércord das 3 bandeiras azuis. Para o rexedor isto é unha demostración de que o esforzo que ven realizando o Concello por elevar a calidade das praias e dos servizo turísticos vai por bo camiño e da os seus froitos. Para Fole este éxito é mérito tanto do Concello, que pese á limitación de recursos segue esforzándose por potenciar estas áreas, como dos propios veciños de Vilagarcía que “deben sentirse moi orgullosos” desta noticia.

O alcalde comentou que a obtención das tres bandeiras azuis, ademais de ser un motivo de alegría para o Concello, tamén supón unha maior responsabilidade xa que obriga a facer un esforzo aínda maior en canto á dotación de recursos materiais e humanos a destinar pola administración local ás praias galardoadas e ao CIRA para o que o mantemento das zonas e calidade dos servizos que se prestan nelas segan cumprindo cos criterios de calidade que esixe a Adeac.

Fole Díaz asegurou que o goberno local seguirá apostando forte para cumprir estes obxectivos, sobre todo tendo en conta a repercusión positiva que as bandeiras azuis poden ter para a promoción e o sector turístico de Vilagarcía no seu conxunto e tamén para a dinamización socio económica de Vilaxoán e Bamio en concreto. O rexedor fixo un chamamento aos veciños para que continúen colaborando no coidado e mantemento das praias para continuar gozando destes prestixiosos distintivos de calidade e tamén animou ao sector turístico a aproveitar o potencial que supón para Vilagarcía contar coas bandeiras azuis mediante a posta en marcha de iniciativas positivas e sostibles que contribúan a xerar riqueza e a seguir aumentando o número e a calidade de servizos existentes nestes entornos.

Nesta mesma liña o alcalde comprometeuse a seguir loitando para tratar de que a praia da Concha Compostela recupere pronto a Bandeira Azul que veu ondear anos atrás e que perdeu cando a Adeac endureceu os criterios de calidade das augas. O alcalde lembra que se trata dunha labor complicada debido ás características naturais do areal, sito no fondo da ría, e doutros problemas engadidos cuxa resolución non depende so Concello xa que implica da actuación doutras administracións como o caso das obras de eliminación de verquidos que están pendentes de executar por parte da Xunta de Galicia a través do plan integral de Saneamento das Rías.

14 de maio de 2014 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.