Vilagarcía entrega os premios da Maratón Fotográfica do 8M na inauguración da mostra no Auditorio
O Centro de Información á Muller (CIM) da Área de Igualdade do Concello inaugura esta tarde a exposición da Maratón Fotográfica celebrada con motivo do 8M, Día da Muller, e que se poderá visitar no corredor principal do Auditorio. No transcurso do acto, que se celebrará ás 20:00 horas, procederase á lectura do fallo do xurado e á entrega dos premios. A exposición componse de 93 fotografías tomadas polos participantes no maratón.
A concelleira de Igualdade, Ángeles Rodríguez, será a encargada de entregar os premios esta tarde no acto no que foron convocados todos os participantes na Maratón Fotográfica. Establécese un único premio en cada unha das tres categorías do concurso, dotado cada un con 200 euros. A fotografía gañadora do bloque temático “O amor non é a hostia” é a fotografía titulada “Hai palabras que valen feitos” tomada por Maruxa Chapela Bouzas. A imaxe denominada “Nos cuidamos, hoy yo!” que firma María José Piñeiro Villaronga obtivo o primeiro no bloque “Homes Coidadores”; mentres que a imaxe que mellor ilustra o tema de “O síndrome de superwoman” é a fotografía “Baixo presión” realizada por Miguel Ángel Ruano Arregui.
Un total de 37 persoas concursaron este ano na Maratón Fotográfica pola Igualdade procedentes de Vilagarcía a outros municipios da comarca e de municipios veciños como Santiago, Ames, Moaña ou Vigo. Foron 20 homes e 17 mulleres non profesionais da fotografía, xa que o certame limítase a afeccionados.
Mediante o Maratón Fotográfica pola Igualdade, o CIM pretende reflectir a igualdade de xénero con relación ao mundo do traballo e facer que a poboación visualice problemáticas, situacións, esterotipos ou avances neste eido. Para iso, os participantes dispuxeron dunha xornada para ilustrar fotograficamente os tres temas propostos pola Área de Igualdade o mesmo día da proba.











