Verín celebra a Semana das Letras Galegas
Presentacións literarias, recitais poéticos, monólogos, contacontos e unha gala músico-literaria serán os actos que se celebran durante esa semana en Verín como motivo da efeméride das Letras Galegas, adicadas este ano a Xosé María Díaz Castro.
A primeira das citas terá lugar este mércores 14 de maio, ás 12 horas, no colexio María Inmaculada de Verín onde se representará o espectáculo poético-musical Un paso (sempre) adiante. No acto, que organizan a Editorial Galaxia e o Concello de Verín, coa colaboración desinteresada do centro receptor, participará alumnado do 2º Ciclo de ESO do IES Xesús Taboada Chivite, IES Castro de Baroncelli, CPR Plurilingüe María Inmaculada e Colexio Apostólico Mercedario. Un paso (sempre) adiante é un espectáculo que presenta poemas de Xosé María Díaz Castro (autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2014), Rosalía de Castro, Xosé María Álvarez Blazquez, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro na voz de Héctor Lorenzo e con música composta polo “rapsoda” e interpretada por el (guitarra) e Santi Cribeiro (acordeón).
Ese mesmo día, 14 de maio, pero ás 19.30 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá a presentación do libro “Economía e recursos Comarca de Monterrei: Crónicas Rexiomontanas II” de Xerardo Dasairas Valsa, que abordará cuestións sobre notas económicas, feiras e mercados, a banca, sanidade, viticultura, o téxtil, o comercio, a minería, comunicacións e transportes, urbanismo e a casa.
Ao día seguinte, 15 de maio, e tamén nas instalacións bibliotecaria e a mesma hora, será a quenda para Eduardo Atanes Álvarez que falará da súa obra máis recente “O sentir dos adentros”, ademais de recitar algúns dos seus poemas. Este libro atópase publicado na editorial madrileña Liber Factory e recolle en 88 páxinas 78 poemas, e ten por obxecto a transmisión dos sentimentos dunha persoa que se define como autodidacta no ámbito literario e que busca a felicidade dentro das súas limitacións físicas.
Xa o venres 16 de maio, de 18 a 19.30 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín organiza actividades lúdico-culturais con motivo do Día das Letras Galegas. A mesma está destinada a un máximo de 20 nenos/as socios/as da instalación, con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos. Consistirá na realización de contacontos e manualidades -unha bolboreta-, para o que os/as participantes deberán levar un tubo de rolo de papel hixiénico, dous ollos, goma eva, témpera líquida da mesma cor que a goma e pincel. A actividade será coordinada por nenos/as voluntarios/as, de entre 11 e 16 anos, e persoal da Biblioteca Pública Municipal de Verín. Para participar na mesma é necesario inscribirse, a partir de hoxe luns 12 de maio, nas instalacións da propia biblioteca ou no teléfono 988-414776.
Durante esa mesma xornada do 16 de maio, pero ás 20.15 horas, o salón de actos do colexio María Inmaculada acollerá Monólogos R, coa participación dos monologuistas Pepo Suevos e Isi. Monólogos R está organizado pola empresa de telefonía R, en colaboración co Concello de Verín e co centro receptor. O acceso será con invitación. As tarxetas de convite recóllense no local de R nos días anteriores ao acto.
E para finalizar esta semana cultural, o sábado 16.30 de maio, ás 17 horas, celebrarase na Casa da Cultura de Verín a Gala Músico-Literaria das Letras Galegas. No acto recitaranse os poemas gañadores do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez, darase lectura dos traballos gañadores do Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez e o Conxunto Instrumental do Conservatorio Elemental de Música de Verín interpretará temas de música popular e de compositores galegos. O acto está organizado polo Concello de Verín coa colaboración de Gadis.











