Varias das ideas de negocio de “Emprender en positivo” en Cangas son xa unha realidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Entrega de diplomas aos participantes

Entrega de diplomas aos participantes

Esta mañá tivo lugar no concello de Cangas o acto de clausura e a entrega de diplomas aos 21 participantes do curso “Emprender en positivo” promovido pola concellería de Emprego en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Fundación Incyde.

O acto estivo presidido pola deputada provincial Begoña Estévez, a concelleira de Emprego Berta Pérez e a responsable coordinadora de Incyde Ana Santillán.

Grazas a este curso, de oito semanas de duración, os emprendedores recibiron formación teórica e asesoramento personalizado, por parte de consultores profesionais de Incyde, para poder converter a súa idea de negocio nunha realidade.

Os asistentes a este curso amosaron a súa satisfacción polos resultados obtidos e moitos afirmaron que “ este tipo de programas deberían ser obrigatorios para todos aqueles que queiran poñer en marcha un negocio”. O que máis valoraron os emprendedores foi a atención e o asesoramento personalizados para cada un dos proxectos que presentaron.

Pola súa parte Ana Santillán quixo agradecer aos participantes o traballo e esforzo realizados durante os dous meses que durou o curso. Así mesmo animounos a continuar apostando pola súa idea de negocio. Os asistentes a “Emprender en positivo” seguirán contando con asesoramento gratuíto por parte de Incyde nos próximos dous anos para axudalos a poñer en marcha os proxectos realizados no curso.

Begoña Estévez destacou a importancia desta iniciativa que non se centra simplemente na fase formativa, senón que asesora e aconsella de xeito personalizado.

Para rematar a Berta Pérez agradeceu tanto a Deputación de Pontevedra coma a Fundación Incyde a súa colaboración para levar a cabo esta iniciativa e espera poder seguir traballando conxuntamente en proxectos futuros. A concelleira de Emprego tamén tivo palabras para os emprendedores aos cales agradeceu o moito que aproveitaron este curso e animounos a continuar cos seus proxectos.

Pérez destacou que “Emprender en positivo” é a actividade máis importante realizada ata o momento no concello en materia de formación e emprendemento. Tamén quixo sinalar que dende a concellería de Emprego continuarán traballando neste tipo de actividades formativas para emprendedores e desempregados.

Previamente á entrega de diplomas dous participantes do curso que xa lograron crear a súa empresa expuxeron en que consiste a súa idea de negocio.

Mañá terá lugar na Casa de Oficios Lorenzo Corbacho unha nova charla da Aula do Emprendedor “A importancia da imaxe comercial na apertura ou relanzamento dun negocio” a partir das 10.30 horas.

 

14 de maio de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.