Uns 550 cativos participan no espectáculo didáctico-musical ‘Os Superhércules’

Actuación ‘Os Superhércules’ en Verín
As instalacións do Pavillón Municipal de Deportes de Verín e o colexio María Inmaculada acolleron, esta mañá, a presentación do espectáculo Os Superhércules ao que asistiron máis de 550 menores dos centros educativos da comarca de Verín.
Nesta iniciativa a cargo de Hércules Brass Quinteto de Metais participaron alumnos/as dos CEIPs Amaro Refojo, Princesa de España, Castrelo do Val, Oímbra, Colexio Rural Agrupado Monterrei e o Colexio Plurilingüe María Inmaculada de Verín. Os Superhércules trátase dun didáctico-musical en lingua galega de 50 minutos de duración, que conta a historia de cinco rapaces que xogaban placidamente na súa casa no ano 2268 e revolvendo no faiado atopan unha caixa misteriosa que cambiará as súas vidas, transformándoos en superheroes. Elixidos para a misión de recuperar os elementos que forman a música, os protagonistas viaxarán no espazo e no tempo, resolvendo conflitos de todo tipo co seu enxeño e o traballo en equipo. Hércules Brass ten actuado en diversas cidades e vilas galegas, en Suíza, Francia e en diversas comunidades autónomas españolas, destacando a participación como solistas coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia. O interese do grupo en ampliar e dar a coñecer o repertorio para quinteto de metais faise patente no feito de que compositores galegos como Xoán Antón Vázquez, Fernando Arias, Luís Carro e Juan Durán lle teñan dedicado obras.
Esta iniciativa foi organizada polo Concello de Verín e patrocinada en conxunto coa Consellería de Cultura a través do programa Cultura no Camiño, que tamén traerá á localidade as actuacións dos grupos Supersandwich e Comando Katana o vindeiro 26 de xullo, a partir das 24 horas, na praza García Barbón de Verín.











