Uns 40 escolares disfrutaron dunha xornada medioambiental no monte de Pereiras

Xornada medioambiental dos escolares mosenses
O CEIP de Atín-Cela, a Comunidade de Montes de Pereiras e a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, organizaron unha xornada de convivencia adicada á prantación de árbores en terreos do monte comunal da parroquia de Pereiras, que contou coa colaboración do Concello de Mos.
En representación da administración local participou nesta iniciativa celebrada ó longo desta mañá a edil responsable da concellería de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón.
Os 42 alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de Educación Primaria do Colexio de Atín prantaron un total de 29 árbores, todos castiñeiros que prantaran previamente en macetas a partir de castañas os propios escolares do centro como actividade formativa incluída no programa do curso escolar. Con esta prantación os cativos participantes puideron comprobar de primeira man cales son as fases do ciclo vital das árbores e que elementos precisan para o seu óptimo desenvolvemento.
Os máis de corenta escolares do CEIP de Atín levaban dende outubro de 2013 regando e coidando as castañas que peviamente prantaran nunha maceta como parte da programación escolar organizada con motivo da festa do Magosto. Esta é unha iniciativa que no colexio de Cela levan desenvolvendo dende fai xa sete anos, e esta é a segunda edición que a realizan en colaboración coa Comunidade de Montes de Pereiras.
A actividade consistiu nunha mañá de convivencia durante a que os escolares sairon ó monte a realizar a prantación. Con esta actividade preténdese fomentar a concienciación medioambiental e o amor e o respecto pola natureza; así coma a educación para a prevención de incendios forestais debidos a malas prácticas nos montes da nosa comunidade autónoma.
Pola súa banda dende a Comunidade de Montes declararon sentirse moi satisfeitos e orgullosos de poder colaborar tanto co Concello de Mos como coa comunidade escolar mosense en actos tan enriquecedores coma este. E propuxeron a idea de organizar próximamente unha ruta de sendeirismo para os alumnos dos colexios de Mos polos montes da parroquia de Pereiras.











