Uns 150 traballadores de Seaga esixen maior carga de traballo cunha manifestación en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Manifestación dos traballadores de Seaga

Manifestación dos traballadores de Seaga

Uns 150 traballadores da empresa pública Seaga, convocados polo sindicato CIG co apoio dos comités de empresa das catro provincias, manifestáronse este venres en Santiago para esixir á Consellería de Medio Rural carga de traballo. En concreto, piden que a duración dos seus contratos laborais se amplíe de tres a seis meses de modo que poidan percibir algunha prestación.

En declaracións aos medios de comunicación antes de iniciar a marcha, na estación de tren da capital galega, voceiros dos comités de Lugo e A Coruña, Héctor López e Pablo Buj, respectivamente, denunciaron que a Xunta “se comporta como unha ETT” -empresa de traballo temporal-, ao contratalos unicamente durante os tres meses de verán para a extinción de incendios na campaña de alto risco.

“Non podemos seguir así, a xente está moi farta, non temos dereito a ningún subsidio nin axuda de ningún tipo”, sinalaron para evidenciar a súa “precariedade”, xa que non teñen dereito nin a cobrar o paro nin a subsidios doutro tipo, xa que, ao traballar durante 90 días, tampouco poden optar á Risga -que é compatible cunha actividade desenvolvida durante, como máximo, 89 días-.

Por iso, ‘seis meses de traballo é unha solución’ foi unha das consignas máis coreadas polos manifestantes no seu percorrido polo Ensanche compostelano, ata a súa chegada á Praza da Quintana, onde celebraron unha asemblea na que barallaron posibles medidas de presión fronte á Administración. “Seis meses é unha miseria pero é o mínimo. Desta vez, ou vai, ou rebenta”, proclamou un dos asistentes.

Actualmente, o equipo de Seaga conta cuns 500 traballadores, segundo os seus datos, fronte a os máis dun millar que participaron nas sete anteriores campañas da empresa pública. De feito, debido a esta redución, este ano as probas físicas aos traballadores unificaranse por primeira vez.

Están citados o próximo martes día 20 ás 9,00 horas en San Lázaro. Despois, prevén proseguir coa súa mobilización, que este venres concluíu ás portas do complexo administrativo de San Caetano, fronte ás dependencias de Medio Rural. En canto ás contratacións, estiman que se producirán entre o 1 e o 4 de xullo.

Os traballadores de Seaga, que se manifestaron tras dúas pancartas cos lemas ‘Nin traballo, nin paro, nin subsidio. Seaga solución’ e ‘Non á precariedade’, aseguran que “hai carga de traballo” no medio rural galego pero a consellería está a “subcontratar a empresas privadas, amigos”.

Así, subliñan que o que queren “é traballar” e non os seis meses que reivindican “de bombeiro forestal”, o ser consciente de que non existe esa necesidade temporal, pero si están “dispostos” a realizar tarefas “en calquera outro ámbito” relacionado co forestal.

Tamén acusan o departamento que dirixe Rosa Quintana de “improvisación”, posto que o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para este ano aínda non foi aprobado e entenden que se deixa a plantificación “para última hora”.

‘Queremos traballar e non emigrar’, Quen apaga o lume, nós e non a UME’, ‘O monte ardendo e nós no paro’, ‘Rosa Quintana dimisión’ e ‘Tomás Fernández Couto – secretario xeral de Medio Rural e Montes – dimisión’ foron outras das consignas.

 

16 de maio de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.