Unhas 90 persoas desempregadas participan nos Programas integrados de emprego de Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, puxo hoxe en valor a porcentaxe de inserción laboral que se acada nos Programas integrados de emprego, como o que se está a desenvolver actualmente no concello de Arteixo, e no que participan 90 persoas desempregadas.

Así o salientou hoxe tras unha visita aos participantes nesta iniciativa, que veñen de rematar a súa parte formativa, e que agora van comezar a afondar nos aspectos referidos á inserción laboral. Ao respecto, Mato explicou que estas iniciativas caracterízanse por elaborar “itinerarios integrais” para as persoas, que combinan accións de información, orientación, asesoramento, formación, práctica laboral e intermediación coas empresas.

En concreto, a parte formativa do Plan Arteixo Integra contou con dous tipos de actuacións: especializadas e transversais. Dentro do primeiro grupo, impartíronse cursos de: atención sociosanitaria; operacións de restaurante e bar; patronaxe e ensamblaxe téxtil; animación de espazos comerciais; e traballos de almacén. Simultaneamente, houbo accións formativas transversais centradas no fomento do emprendemento, na busca de emprego, na elaboración do currículum e na prevención de riscos.

Actualmente, xa hai 33 persoas inseridas laboralmente, o que supón o 37 por cento dos participantes do programa. Con esta cifra, o Plan Arteixo Integra xa se sitúa por riba do obxectivo mínimo marcado ao inicio do mesmo, que estaba no 35 por cento. “Son datos positivos, pero non nos conformamos. Non teño dúbida de que conseguiremos incrementalos de aquí a que conclúa definitivamente este programa”, destacou a conselleira.

A Consellería de Traballo e Benestar inviste un total de 101.000 euros neste proxecto. Nestes momentos, hai en marcha en Galicia un total de 30 programas integrados para emprego, que contan cun orzamento total de 2,5 millóns de euros e 1.100 beneficiarios.

Ademais da inserción laboral e da mellora da empregabilidade dos participantes, que é o principal obxectivo, Mato subliñou que estas iniciativas permiten tamén abrir espazos de colaboración cos concellos, ao igual que os obradoiros de emprego. De feito, o departamento autonómico colaborou tamén no desenvolvemento dun obradoiro no concello de Arteixo e A Laracha, no que participaron 24 alumnos que se especializaron en atención sociosanitaria e instalación de sistemas de enerxía solar.

16 de maio de 2014 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.