Unhas 1000 empresas optan ao Plan de práctica laboral da Deputación de Pontevedra
Preto de 1.000 empresas optan a ser beneficiarias do Plan de práctica laboral en empresas 2014 que a Deputación de Pontevedra ten en marcha e no que acaba de publicarse o listado de solicitantes admitidos e excluídos co obxectivo de que as 189 empresas excluídas poidan corrixir posibles erros ou achegar a documentación que corresponda.
De feito, na maioría dos casos a exclusión está motivada porque a empresa non fai entrega de toda a documentación requirida para poder optar ó plan, como a copia da tarxeta de identificación fiscal, dos estatutos ou documento análogo que acredite a condición de empresario; o certificado de inscrición no rexistro correspondente; etc. Tamén se dan casos de exclusión por non especificar a titulación do bolseiro que solicita ou por non achegar o plan de práctica que desenvolvería o bolseiro, entre outras cuestións.
Por tal motivo as empresas excluídas terán ata o 6 de xuño para corrixir os posibles defectos e poder ser admitidas.
500 empresas no grupo 1
Cómpre destacar que máis da metade das solicitudes para este novo Plan de práctica laboral da Deputación corresponde a empresas que non se beneficiaron da primeira fase do mesmo e que, polo tanto, nesta ocasión terán preferencia á hora de recibir bolseiros.
Así, son preto de 650 as empresas incluídas neste Grupo 1, das cales 161 figuran na lista provisional como excluídas e, en consecuencia, poderán agora presentar a documentación necesaria para poder entrar no plan.
O segundo grupo máis numeroso é o de empresas que están beneficiándose nestes momentos do anterior Plan de práctica laboral na empresa privada e que contan cunha valoración positiva na execución das prácticas. Este grupo, con preto de 200 compañías, será o segundo en orde de preferencia á hora de recibir bolseiros.
Os grupos 3 e 4, correspondentes a cámaras, federacións e confederacións, confrarías, asociacións e outras entidades, só recibirán titulados no marco deste plan no caso de que non se cubran todas as prazas cos primeiros dous grupos.
Convocatoria das bolsas por titulacións
Unha vez estudadas as propostas realizadas polas empresas e pechado o prazo de corrección de erros, os técnicos da Deputación iniciarán o proceso de definición das titulacións que se reclaman e o perfil dos bolseiros que as empresas solicitan, para a partir de aí anunciar a convocatoria das bolsas por titulacións, algo que está previsto que se realice no mes de xullo.
Inicialmente a Administración provincial convocará entre 400 e 500 bolsas de un ano de duración, pero non se descarta a posibilidade de incrementar este número en función da calidade dos proxectos presentados polas empresas e da demanda de bolsas por parte dos titulados.