Unhas 1.500 persoas ateigaron o campo de Cabanetán no II Torneo de Fútbol-8 Benxamín-Alevín de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLousame
A-
A+

Máis de 1.500 persoas ateigaron a contorna do campo de Cabanetán para disfrutaren da segunda edición do Torneo de Fútbol-8 Concello de Lousame, nas súas categorías benxamín e alevín. Un torneo que reuniu a un total de 30 equipos, 15 en cada categoría, e do que resultaron gañadores os conxuntos da E.F. Silleda (alevín) e do Outes C.F. “A” (benxamín) despois de 10 horas de fútbol nas que se disputaron un total de 48 partidos.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destaca que “o tempo acompañou e, ao coincidir en día festivo, contamos coa participación de centos de familias que viñeron animar aos seus pequenos e a pasar un día de lecer en Lousame”, ao tempo que agradece “o traballo desempeñado tanto polos membros de Protección Civil como polo persoal do Concello e dos voluntarios que contribuíron a que este torneo fose todo un éxito”.

Dende primeira hora da mañá, os distintos aparcadoiros habilitados na contorna do campo de Cabanetán foron enchéndose con centos de vehículos. Ademais do servizo de cafetería no propio campo, habilitouse unha zona con mesas e cadeiras no local social de Cabanetán onde tanto os 30 conxuntos participantes no torneo como os seus familiares puideron xantar por quendas. Ademais, os pequenos tamén puideron xogar no campo anexo e disfrutar dun inchable durante a mañá.

Resultados

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; o concelleiro de Deportes, Manuel Ourille; e a tenente de alcaldesa, María José Maroñas, foron os encargados de entregar os trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría. Villaverde felicitou a todos os participantes no torneo, non só aos gañadores, polo seu excelente comportamento no terreo de xogo, “o que demostra que tendes moi presentes os valores que ensinan este tipo de deportes como o compañeirismo, o traballo en equipo ou o afán de autosuperación”.

Na categoría benxamín o triunfo foi para o Outes CF “A”, que se impuxo na final ao Atlético Ribeira por 3 goles a 2. Unha final moi disputada e con constantes alternativas no marcador que se resolveu nos últimos minutos do encontro. O terceiro posto foi para o Porto do Son CF, que foi derrotado por un contundente 4-0 na semifinal polo Outes FC. O cuarto posto foi para o Noia CF, tamén primeiro do seu grupo e que perdeu na súa semifinal por 2-1 co Atlético Ribeira.

Na categoría alevín o triunfo foi para a E.F. Silleda, que venceu na final por un contundente 3-0 ao Noia C.F. O terceiro posto foi para a S.D. Villestro, a quen os silledenses derrotaran na semifinal por 0-2. O cuarto posto foi para o Outes FC, que empatou a 1 gol na súa semifinal contra o Noia C.F. pero rematou perdendo na quenda de penaltis (5-4), logo de errar un lanzamento que lles tería dado a clasificación para a final.

2 de maio de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.