Unha xornada da Rosaleda e SARquavitae incide na importancia da ética xerontolóxica nun “país de anciáns”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Xornada xeontolóxica na Rosaleda

Xornada xeontolóxica na Rosaleda

“Unha das principais consecuencias dos progresos científico-técnicos da medicina é o significativo aumento da esperanza de vida. Isto, unido á crise demográfica, especialmente grave na nosa comunidade, e á saída de miles de mozos en busca de mellores perspectivas, déixanos un mapa desolador: un país habitado case exclusivamente por xente maior”.

Así comezou Rafael Silva, director xerente do grupo hospitalario La Rosaleda, o seu discurso de clausura da Xornada “Aspectos éticos xerontolóxicos”, organizada conxuntamente con SARquavitae. Silva recordou que “os expertos aseguran que este escenario agravarase nos próximo anos, en que nos converteremos nun país de anciáns”, o que supón “unha serie de desafíos médicos, sociais, económicos e tamén éticos”, de aí o apoio da Rosaleda a esta xornada.

Ao longo de todo o día pasaron polo Hotel Porta do Camiño de Santiago numerosos profesionais e expertos relacionados co tema, como o Dr. José Manuel Mayán, catedrático de Enfermería xeriátrica e xerontolóxica da USC, que inaugurou a xornada poñendo de manifesto a importancia de asumir os cambios que esixe a nova situación social.

Rafael Silva asegurou que La Rosaleda leva xa tempo realizando “un gran esforzo para promover a autonomía e independencia das persoas maiores, así como a súa privacidade”, o que implica “un desafío no ámbito organizativo pero tamén no persoal” de todos os traballadores, de quen asegurou estar “moi orgulloso pola sensibilidade que mostraron e que queda de manifesto na organización desta Xornada” a cargo do departamento de Enfermería que dirixe Marisa Torreiro.

Torreiro fixo fincapé na importancia de “coidar ao doente pero tamén á súa contorna familiar” posto que a enfermidade deste tipo de pacientes leva aparelladas moitas veces “situacións delicadas que afectan directamente ao coidador”.

O xerente da Rosaleda destacou o papel dos profesionais da enfermería que “adoitan ser os que teñen máis contacto con pacientes e familiares e durante un tempo máis prolongado”, e asegurou estar convencido de que “merece a pena continuar este labor, porque fai visible e reforza as boas prácticas e as actitudes profesionais correctas, mellora a vida dos pacientes e da súa contorna e, sobre todo, porque reforza os valores humanos e os dereitos das persoas, especialmente daquelas que se atopan en situacións de especial vulnerabilidade”. E isto, concluíu Rafael Silva, “non só no fai mellores profesionais senón mellores persoas”.

Mesas de traballo

A primeira mesa de traballo, “Ética do coidado”, foi moderada polo Dr. Josep Pascual, de SARquavitae, e tivo como relatores aos doutores José Ramón Amor, da Universidade Rey Juan Carlos, que tratou a ética e calidade do coidado, e a Rosendo Bugarín, da Comisión Galega de Bioética que falou sobre o maltrato na persoa anciá.

José Mª Suárez Quintanilla, presidente do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña moderou a segunda mesa, “Aspectos legais, atención ao paciente xeriátrico” na que participaron as doutoras Belén Cartimil, de Mutua Gallega, que abordou os aspectos legais da incapacidade, e Virginia Alonso, máster en Bioética pola Universidade da Coruña que tratou a lei de dependencia.

E xa pola tarde celebrouse a mesa “Coidados ao final da vida” moderada pola supervisora de Hospitalización da Rosaleda Eva Roma e formada polo Dr. Josep Pascual que tratou o modelo Necpal en residencias; o Due Ángel Ramón López, do Plan Galego de Coidados Paliativos, que falou sobre esta cuestión; Antonio Zacarías López, sacerdote do CHUS, que expuxo o tema da espiritualidade ao final da vida, e o Dr. Francisco Javier Barón, ex-presidente da Comisión de Ética e Coidados Paliativos do CHUS, que abordou a cuestión das instrucións previas.

Na clausura, ademais do director xerente do grupo La Rosaleda, participaron Gloria García, directora da residencia SARquavitae San Lázaro, e Sergio Quintairos, presidente do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña que colaborou na organización do evento xunto co Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña, smith&nephew e a Fundación La Rosaleda.

15 de maio de 2014 | 20:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.