Unha vintena de familias cubriron a enquisa sobre os usos da escola infantil de San Sadurniño
O Concello publicou hai uns días unha enquisa para coñecer as necesidades concretas que deberá cubrir a futura escola infantil municipal: horarios máis demandados, actividades paralelas, servizos complementarios, etc. É un cuestionario anónimo e o Concello non obtén nin garda ningún dato persoal, posto que só busca información aproximada sobre cal é o uso potencial do servizo que se quere poñer en marcha a partir do outono. Vinte familias cubriron xa o formulario, que aínda estará dispoñible na rede algún tempo máis.
As preguntas que figuran na enquisa son xenéricas: se o futuro usuario vai ser un neno ou unha nena, a data de nacemento, o municipio de empadroamento, a profesión do pai e da nai, os horarios en que levarían os pequenos ao centro ou que servizos complementarios se consideran máis importantes.
Para manter o anonimato, o cuestionario non está asociado a nomes e apelidos e tampouco rexistra as entradas de forma individual. Todos os datos van parar a unha base que xera estatísticas con información de grande utilidade para o Concello á hora de planificar o funcionamento dun centro que abrirá, previsiblemente, no outono.
Algúns dos datos máis relevantes que xa se van sabendo son que, a día de hoxe, o 67% dos usuarios serían nenos fronte a un 33% de nenas. As porcentaxes tamén sinalan que máis dun terzo procederían de San Sadurniño e confírmase o ámbito supramunicipal do servizo, posto que habería un 28% de usuarios e usuarias das parroquias naronesas máis próximas e outro 28% proveniente de Moeche.
Entre as opcións horarias propostas gaña por maioría a xornada de mañá, pola que apostaron 14 das familias que cubriron a enquisa mentres que as 6 restantes optarían pola xornada completa. Neste sentido, o servizo máis demandado serían o de almorzo -50% das enquisas-, seguido de lonxe polo de xantar e o de merenda. Os resultados van máis parellos na demanda de actividades extraescolares, onde a metade das respostas consideraríaas necesarias mentres que para a outra metade das familias participantes no estudo esta opción sería prescindible.
O formulario da enquisa manterase activo durante algún tempo máis. Desde o departamento de Educación e Igualdade -onde tamén facilitan información sobre o proxecto- apuntan a que a consulta pechará no prazo de unha ou dúas semanas e que despois se fará unha análise máis pormenorizada dos datos. Por esta razón animan a aquelas familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos a que cubran este cuestionario co que se busca configurar un servizo adaptado ás necesidades reais.