Unha sentencia permite ao concello de Vilagarcía dispoñer do balneario
O Concello de Vilagarcía xa pode dispoñer do Balneario da Praia Compostela. Así se conclúe da última sentencia do TSXG na que se ratifica que a concesión non se pode devolver a Placomsa, a antiga concesionaria. Como contra esta resolución non cabe recurso, e coa garantía de poder facer uso das instalacións, o Concello vai iniciar de inmediato os trámites para rehabilitar o miradoiro semicircular que da ao paseo marítimo, primeiro paso para volver a dar uso a estas emblemáticas instalacións públicas.
A sentencia do TSXG refírese ao recurso interposto polos antigos concesionarios contra o fallo do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra no que xa se declaraba a imposibilidade material de poñer á concesionaria en posesión do entregado no seu día, “pues el edificio ha sido modificado sustancialmente, tanto desde el punto de vista estructural como en su disposición” mediante a realización das obras de rehabilitación realizadas polo Concello a través do Plan E no mandato do bipartito PSOE BNG.
Con esta sentencia na man, o goberno de Tomás Fole, xa ten todas as garantías legais para poder actuar sobre o Balneario da Praia Compostela. A intención do rexedor é recuperar estas emblemáticas instalacións coa maior brevidade e o primeiro paso a dar é proceder á rehabilitación do miradoiro que da ao Paseo Marítimo. As obras nesta parte do edificio non se levaron a cabo cando se acometeron as obras do Plan E debido ao conflito competencial que existía entre Patrimonio da Xunta e Costa do Estado xa que, por un lado, ao tratarse dunha estrutura abalconada sobre o dominio público de Costas, a normativa estatal restrinxía calquera tipo de actuación; mentres que segundo as lei autonómicas de Patrimonio, o Concello estaba obrigado a manter e conservar o elemento por tratarse dun edificio catalogado e protexido.
O conflito competencial resolvérase xa hai tempo, co beneplácito de Costas a permitir a rehabilitación do miradoiro tras os informes remitidos por patrimonio da Xunta. Non obstante, a actuación non se chegou a iniciar ao estar pendente a resolución xudicial que acaba de producirse. Con esta garantía legal, o Concello xa contactou con Costas do estado para solicitar a autorización por escrito e xa se ordenou aos servizos técnicos municipal valorar o tipo de obras que é necesario acometer para consolidar a estrutura e o custe das mesmas.
Coa actuación no miradoiro quedará completa a rehabilitación do edificio do Balneario e será entón cando se aborden as alternativas de uso para devolverlle a actividade e lograr que Vilagarcía obteña o proveito que este importante recurso lle pode dar á cidade e que se perdeu durante anos pola inactividade no que o sumiu Placomsa co incumprimento do contrato de concesión durante anos e ao longo conflito xudicial que impedía ao Concello facerse cargo das mesmas pese a ter abonado á sociedade o xustiprezo de 223.275 euros pola recuperación da concesión.
En torno a un millón de euros en recuperar e rehabilitar o Balneario
Aparte de moitos anos de batallas xudiciais, a recuperación e rehabilitación do Balneario para devolverlle o uso costaralle ao Concello en torno a un millón de euros, xa que foi preciso pagar a Placomsa os 223.275 euros do xustiprezo fixado polo xulgado para recuperar a concesión (suma bastante inferior á que pedían os concesionarios) e máis tarde, debido ao grave estado de deterioro no que se atopaba o edificio polo abandono da concesionaria, foi preciso investir 612.474 euros máis en obras de rehabilitación e reforzo da estrutura a través do proxecto financiado polo segundo Plan E. A isto hai que engadir o gasto que suporá a rehabilitación do miradoiro.
Valoran solicitar compensación
Dado que a sentencia prevé a tramitación do incidente pola inexecución da sentencia, os asesores xurídicos do Concello estudarán a posibilidade de solicitar compensación polos prexuízos derivados causados ao Concello durante o tempo en que Placomsa non explotou a concesión e deixou as instalacións en estado de abandono cos conseguinte deterioro producido en tantos anos.











