Unha mesa informativa no edificio administrativo de Monelos conmemora o Día Mundial sen tabaco
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe a mesa informativa instalada no edificio administrativo de Monelos, na Coruña, con motivo do Día mundial sen tabaco, que se conmemorará mañá. Trátase dunha iniciativa levada a cabo desde a xefatura territorial de Sanidade para concienciar á poboación da necesidade de adoptar hábitos de vida saudable.
Durante toda a mañá, o público recibirá información sobre os efectos nocivos sobre a saúde do tabaquismo, tanto activo como pasivo, e sobre os beneficios do abandono, da non exposición ao fume do tabaco e dos métodos para conseguilo. Ademais, aqueles que o desexen, poderán someterse a unha proba respiratoria –cooximetría- para medir a concentración de dióxido de carbono en aire expirado. Esta iniciativa completarase coa realización dunha enquisa sobre os cigarros electrónicos, que os cidadáns poderán completar na mesa instalada na entrada do edificio.
Acompañada pola xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, Do Campo sinalou que “aínda que se está no bo camiño, pois cada vez máis adultos deciden dar o paso de deixar de fumar, non se pode baixar a garda e pensar que xa está todo feito, pois nestes momentos o consumo de tabaco é aínda a principal causa previble de defunción no mundo”. Por iso, incidiu na necesidade de continuar coas campañas de sensibilización da poboación para seguir a mellorar os resultados e aproveitou para recordar o lema proposto este ano pola Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria: “Cada vez que o deixas, trunfas!”.
Do mesmo xeito, a máxima representante do Goberno galego na provincia sinalou que as actuacións levadas a cabo desde a Xunta para conmemorar o Día mundial sen tabaco van na liña das propostas desde a Organización Mundial da Saúde, que a través do eslogan “Reducir o consumo do tabaco, salvar vidas”, busca resaltar os riscos para a saúde asociados ao consumo de tabaco e promover políticas eficaces para súa redución.