Unha mesa informativa conmemorará en Santiago o Día de Loita contra a Homofobia

Ovidio Rodríguez na visita á mesa informativa
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vén de instalar hoxe na Praza do Toural, en Santiago, unha mesa informativa para conmemorar mañá o Día de loita contra a homofobia, a transfobia e a lesbofobia. A iniciativa, posta en marcha polos centros Quérote +, pretende achegar información á mocidade e á cidadanía en xeral sobre a discriminación sexual que existe para loitar contra ela. Por iso, un dos obxectivos é promover a participación cidadá para que sexan eles os que aporten ideas para loitar contra a homofobia, a lesbofobia e a transfobia. Así, os que se acheguen ata a mesa plasmarán nun papel a súa opinión sobre as condutas de discriminación pola orientación sexual, e eses mensaxes colgaranse nunha corda nas columnas dos soportais da praza.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata esta mesa, onde destacou o labor que están a desenvolver os técnicos dos centros Quérote + cos mozos e mozas para loitar contra a discriminación sexual. Estes centros ao longo do ano levan a cabo accións concretas neste ámbito para contribuír na visibilización da diversidade sexual promovendo actitudes de respecto social. Estas actuacións enmárcanse nas diferentes actuacións que está a desenvolver a Xunta neste eido, administración autonómica que foi a primeira de España en crear unha Lei pola non discriminación contra os membros da comunidade LGBTI, Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.
Rodeiro destacou que a través dos centros Quérote +, que xestiona o seu área, estanse a cumprir os obxectivos sinalados no artigo 30 desta normativa para o ámbito da xuventude: continuar desenvolvendo programas destinados á información e ao asesoramento da mocidade en materia de orientación sexual e identidade de xénero e garantir desde un labor transversal a continuación do traballo formativo en contextos formais e non formais.
En definitiva, o responsable de Xuventude sinalou que se está a traballar “cos obxectivos de contribuír a que os mozos e mozas aprendan a coñecerse, aceptarse e expresar a súa sexualidade e a que respecten a diversidade e, deste modo, estase a acadar a prevención contra a homofobia, transfobia e toda conduta de discriminación na orientación sexual”.
Por último, Rodeiro lembrou que os centros Quérote + están a desenvolver neste eido un obradoiro co alumnado do CPI A Ribeira do Porriño, baixo o título ‘Diversos’.











