Unha homenaxe a John Lennon reunirá a grandes artistas nun concerto solidario en Santiago

Presentación do concerto homenaxe
Unha homenaxe a John Lennon reúne este domingo ás 19,45 horas no Auditorio de Galicia, en Santiago, a varios artistas nacionais e internacionais co obxectivo de recadar fondos para a ONG Médicos Sin Fronteras.
Nesta gala dedicada ao guitarrista e cantante de ‘The Beatles’, que está organizada pola asociación cultural Acordes pola Paz, participarán os grupos ‘The Quarrymen’, ‘Extrema Urgencia’, ‘Los Chavales’ e ‘Esguince’; os artistas Adrián Costa, Iago Pico e Chenoa; e o actor Manuel Manquiña.
A “atracción principal” desta gala -segundo explicaron os organizadores deste concerto na súa presentación, no Hotel Araguaney- será a actuación da banda británica de skiffle e rock ‘The Quarrymen’. E é que tres dos catro compoñentes de ‘The Beatles’ participaron na formación deste grupo -John Lennon, Paul McCartney e George Harrison-.
Ademais de contar coa presenza dunha banda da que formou parte John Lennon, tamén participará no espectáculo a irmá do membro de ‘The Beatles’ falecido en 1980, Julia Baird, quen sinalou que espera que Médicos Sin Fronteras recade fondos con esta homenaxe ao seu irmán.
Pola súa banda, a delegada de Médicos Sin Fronteras en Galicia, María Díaz, explicou que todo o que se recade no concerto será destin a esta ONG, en concreto os seus fondos de emerxencia. Estes, segundo explicou Díaz, “permiten dar resposta a calquera emerxencia en calquera parte do mundo en menos de 48 horas”. Por todo iso, destacou que, dende esta organización, están “realmente agradecidos”.
PAÍSES QUE O PASAN MAL
Nesta mesma liña, o presidente de Acordes pola Paz, José María Ríos Torre, acentuou tamén a importancia desta gala solidaria, pois sostén que “se estamos mal en España […] noutros sitios do mundo estano a pasar moito peor”.
No que respecta ao contido do espectáculo, Ríos explicou que “non se busca virtuosismo”, senón “emoción”. Trátase de facer unha “recreación emocional dos concertos que facían con John (Lennon) en 1957 e 1958”, sinalou o presidente de Acordes pola Paz en referencia ao grupo ‘The Quarrymen’.
Tamén participou na presentación desta gala o integrante deste grupo, Rod Davis, quen chanceou sobre a súa relación con John Lennon. “Había só un micrófono, era seu”, indicou Davis en referencia á etapa na que el mesmo e Lennon tocaron en ‘The Quarrymen’.











