Un xogo de rol en vivo e unha andaina clausuran Ociourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O programa Ociourense, que organiza a Concellería de Saúde coa colaboración do Ministerio de Saúde, remata esta fin de semana a súa edición do ano 2014. O programa ofrece alternativas para o ocio dos mozos e das mozas, alonxados de substancias como o alcol. Rematadas xa 15 das actividades programadas, entre as que se atopaban buceo, escalada ou sendeirismo nocturno, esta fin de semana haberá un xogo de rol en vivo nas zona vella da cidade, e unha andaina de 10.000 pasos que percorrerá a marxe do río.

Xogo de rol en vivo

Mañá celebrarase nas rúas do casco vello da cidade un xogo de rol en vivo, entre as 18 e as 20 h. Vestidos de época, os participantes se dividirán en dous equipos, nun reto que se manterá en segredo ata a propia actividade. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición gratuíta a través da páxina web www.ociourense.es ou na propia actividade entre as 16 e as 18 h.

O día seguinte, domingo 1 de xuño, celebrarase por quinto ano consecutivo a Andaina sen fume, con saída a partir das 10 h desde a Praza Bispo Cesáreo. En 10.000 pasos, os recomendados pola Organización Mundial da Saúde para manter unha vida saudable, os participantes pasearán polas beiras dos ríos Barbaña e Miño. A Andaina será conmemorativa do Día Mundial sen tabaco (31 de maio), e require de inscrición previa -gratuíta- na Concellería de Saúde ou na propia actividade, desde as 9 horas. Incluirá un almorzo saudable e o sorteo de agasallos entre os participantes. Con estas actividades, a participación no programa rondará o milleiro de persoas nesta edición de Ociourense.

30 de maio de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.