Un total de 40 novos alumnos poderán acceder ao conservatorio o próximo curso
A Xunta Local de Goberno aprobou na reunión de hoxe a oferta pública de prazas no Conservatorio Municipal de Música para o curso 2014/15. Un total de 40 alumnos poderán acceder ás ensinanzas regradas musicais para formarse 11 especialidades instrumentais. Para poder cursar estudos no centro, os aspirantes deberán superar unhas probas de nivel. O prazo de inscrición para realizar os exames de acceso vai do 2 ao 10 de xuño.
O Conservatorio de Vilagarcía imparte ensinanzas de grao elemental e de grao profesional. O número de prazas dispoñibles no grao elemental para o vindeiro curso é de 19 nas especialidades de clarinete (2), frauta (2), guitarra (1), piano (4), saxofón (2), trombón (1), trompa (1), trompeta (2), violín (2) e violonchelo (2).
No grao profesional, ofértanse un total de 21 prazas, sendo tamén piano o instrumento con máis vacantes (4), seguido de violín (3), Clarinete (2), frauta(2), saxofón (2), trombón (2), trompeta (2), violonchelo (1), trompa (1), guitarra (1) e gaita (1).
Inscrición e taxas
Os interesados en acceder ao Conservatorio deberán inscribirse para a realización das probas de acceso. O trámite realizarase do 2 ao 10 de xuño nas oficinas do centro, sitas no primeiro andar do Auditorio, en horario de 10 a 13:00 horas e de 16 a 20:0 horas.
Para realizar o trámite deberase achegar o impreso de matrícula debidamente cumprimentado (que pode recollerse no mesmo Conservatorio), fotocopia do DNI do alumno ou copia de folla do libro de familia na que figure o interesado; así como o ticket de caixa emitido pola Tesourería do Concello certificando o pago da taxa correspondente aos dereitos de exame (31,20 euros para as probas de acceso ao Grao Elemental e 83,20 euros ás do grao profesional).
A través do portal municipal www.vilagarcia.es , os interesados poden obter máis información sobre a convocatoria das probas de acceso que se ofrece na web do Conservatorio.
Os alumnos que superen as probas de acceso deberán posteriormente realizar a matriculación no centro, trámite para o cal se abrirá o correspondente prazo do 23 ao 25 de xuño.











