Un total de 31 padexeiros galegos loitarán en Verducido por unha praza para os campionatos mundiais e europeos
Trinta e uns padexeiros galegos competirán o xoves e o venres en Verducido en busca das prazas para poder participar nos próximos campionatos de Europa e do Mundo nas distancias de 200, 500 e 1.000 metros. O control selectivo realízase antes da Copa de España que se disputará no mesmo escenario o próximo fin de semana.
Dos 31 padexeiros que tomarán parte no control selectivo, 21 son homes e 14 deportistas, tanto da categoría feminina como da masculina, son canoistas. As prazas para o Campionato de Europa quedarán definidas pero aínda se realizará outro control para o Mundial.
Adrián Sieiro, André Oliveira, Yeray Picallo, Carla Pérez e Caros Arévalo son os cinco padexeiros galegos que afrontarán dúas probas en busca das prazas para as competicións internacionais.
Rubén Millán e Diego Piña, do Kaiak Tudense, estarán no K-2 500 metros e terá en fronte a Carlos Pérez Rial, ‘Perucho’, que formará con Borja Prieto. No K-1 200 metros estará Carlos Arévalo, da Ría de Betanzos, que despois acompañará a Cristian Toro, do Fluvial de Lugo no K-2.
Na categoría home sub-23 K-1 1.000 metros, a representación galega estará composta por catro padexeiros: Roi Rodríguez (Kaiak Tudense), Aarón Diéguez (Kaiak Tudense), Jorge Riveiro (Pontecesures) e Gabriel Hernández (Kaiak Tudense).
En C-1 200 metros estarán Yeray Picallo, André Olveira, ambos os do Firrete, e Adrián Sieiro (Poio Conservas Pescamar). Este último tamén competirá en C-1 1000 metros sub-23 con Jacobo Dominguéz (Breogán) e Brais Casas (Kaiak Tudense). En home sénior C-2, a representación galega estará composta por André Oliveira e Yeray Picallo (Firrete) e Tonco Campos e Diego Romeu (Breogán do Grove).
Carla Pérez e Ana Varela (Kaiak Tudense) competirán en K-2 1.000 metros, mentres Camila Morison e Raquel da Costa (Pontecesures) farano en KJ-2 200. En C-1 sub-23 estarán Laura García e Natalia García (Breogán), Carla Pérez e Andrea Porteiro (Kaiak Tudense) e Tania Fernández (Fluvial de Lugo). Na modalidade de canoa, Raquel Rodríguez e Jenifer Casal buscarán as súas opcións en C-1 200 metros.
Na categoría júnior, Pedro Galbán (As Torres), Sergio Vallejo, Daniel Durán e Alex Bernárdez, todos eles do Poio Pescamar, estará en C-1 1.000 metros. As probas desenvolveranse o xoves e o venres todo o día.
A Copa de España de 200 e 500 metros disputarase durante todo o fin de semana en Verducido. Máis de cincocentos padexeiros acudirán a unha das citas máis importantes da tempada.











