Un total de 22 desempregados participaron no obradoiro de atención sociosanitaria a dependentes en Cambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na entrega de diplomas

Beatriz Mato na entrega de diplomas

Un total de 22 alumnos en situación de desemprego participaron no obradoiro de emprego de Cambre na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, entregou hoxe os diplomas aos participantes desta iniciativa mixta de formación e emprego, na que o departamento autonómico investiu preto de 200.000 euros.

A titular de Traballo indicou que o obradoiro ofrece numerosas vantaxes. A primeira de todas elas, é que os alumnos poden acceder a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade. De feito, Mato lembrou que “os participantes obtiveron un certificado de profesionalidade, que acredita a súa cualificación, enriquece o seu currículo e mellora a súa empregabilidade”.

Ademais, este obradoiro permite “axudar de forma directa aos máis vulnerables” e constitúe “un importante xacemento de emprego de presente e futuro”, tal e como corroboran os datos de inserción laboral máis recentes, que reflicten que a inserción dos participantes nos cursos de atención sociosanitaria en institucións acadou o 52% en Galicia ou do anterior obradoiro celebrado en Cambre, que acadou unha inserción do 70%.

Mato salientou que este obradoiro é tamén un exemplo de cooperación entre concellos, pois agrupa os esforzos destes dous municipios o que permite acadar a “máxima eficacia e eficiencia dos investimentos públicos”.

A conselleira lembrou que o Goberno galego mantén unha firme aposta por estes programa mixtos de formación e emprego. Actualmente, hai en marcha en Galicia 50 obradoiros, grazas a un investimento de máis de 9,5 millóns de euros. Na provincia da Coruña, están funcionando un total de 17, con 370 alumnos, e un orzamento de 3,3 millóns de euros.

6 de maio de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.