Un grupo de alumnos dun instituto polaco visitaron A Laracha

Visita dos alumnos polacos ao Concello da Laracha
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, acompañado polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Ensino, Cultura e Deportes, Patricia Bello, recibiron hoxe na Casa do Concello a vinte alumnos e tres profesores doPierwsze Gimnazjum Autorskie Il Spoteczne Liceum, un instituto de Varsovia.
O rexedor municipal explicoulles os datos máis relevantes sobre o Concello da Laracha, como por exemplo as cifras de poboación, a división en parroquias, a importancia histórica da pesca, agricultura e gandería e os puntos turísticos de maior importancia, citando Caión, a feira de Paiosaco, o mosteiro de San Pedro de Soandres, a área recreativa de Gabenlle e o paseo fluvial do río Anllóns, lugares que lles animou a visitar durante a súa estancia.
Os alumnos procedentes da capital polaca teñen entre 15 e 16 anos. Chegaron onte ao noso municipio e permanecerán na Laracha ata o xoves da próxima semana, residindo durante a súa estancia en vivendas particulares de familias larachesas.
A actividade de intercambio é organizada polos departamentos bilingües do IES Agra de Leborís. Durante os próximos días realizaranse visitas a Santiago de Compostela, A Coruña, diferentes puntos da Costa da Morte e, por suposto, farase un percorrido polo Concello da Laracha, incluíndo a feira de Paiosaco este domingo. Os estudantes polacos tamén compartirán cos alumnos laracheses actividades educativas no propio instituto.
No próximo mes, do 14 ao 21 de xuño, será cando un grupo de estudantes do IES Agra de Leborís devolvan esta visita desprazándose a Varsovia.
Desde o Concello da Laracha aplaudimos este tipo de iniciativas e felicitamos á comunidade educativa do IES Agra de Leborís pola excelente organización da actividade, que permitirá aos alumnos que desexen participar coñecer outras cidades, a cultura polaca e reforzar o coñecemento do idioma inglés.











