publicidade hoxe

Un convenio entre a Deputación e Tesouros de Galicia permitirá a un equipo multidisciplinar universitario estudar o Camiño Inglés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Desde a próxima semana e ata o mes de setembro un equipo multidisciplinar de bolseiros universitarios traballarán no estudo do Camiño Inglés grazas a un convenio asinado entre a Deputación da Coruña e a asociación Tesouros de Galicia.

En virtude do acordo, a institución provincial achegará 28.320 euros, que supón o 80% do orzamento necesario para que os dez universitarios traballen durante catro meses (dous deles a tempo parcial) no estudo das etapas do Camiño Inglés ao longo de 18 concellos da provincia.

O equipo estará formado por cinco estudantes de Turismo, dous de Comunicación, un de Medio Ambiente, un de Historia, outro de Socioloxía e máis un coordinador. Todos eles traballarán durante os meses de verán na planificación do percorrido, a definición das etapas, as posibles visitas que se van realizar, os contidos e os tramos que recorren o territorio británico, así como a posta en marcha de campañas de sensibilización da poboación con iniciativas educativas e de voluntariado. En canto remate o traballo, membros da Asociación National Trust (na que participa Tesouros de Galicia) realizarán un percorrido por todo o Camiño co fin de deseñar accións conxuntas que se han desenvolver no territorio británico e máis no galego.

Segundo explicou Javier Rodríguez Losada, titular da asociación Tesouros de Galicia, o obxectivo final deste convenio é “continuar coa promoción do Camiño Inglés e tamén coa colaboración da Deputación da Coruña”, cuestión que, matizou, “é fundamental para poder promover unha ruta que o merece tanto como as demais”.

Pola súa banda, o presidente provincial, Diego Calvo, lembrou a “continua colaboración” da Deputación con esta ruta, e citou como exemplos a próxima edición dunha guía bilingüe do percorrido e tamén “o esforzo que estamos a facer para a concesión destas bolsas de traballo”.

12 de maio de 2014 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.