Un cento de profesionais inmobiliarios debaterán sobre o futuro do sector na CEC
A Asociación de Profesionais Inmobiliarios do Noroeste e a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias son os encargados de promover o II Congreso do Sector, que se celebrará mañá, mércores, na Coruña, concretamente na sede da Confederación de Empresarios (Praza Luís Seoane, torre 1-entreplanta). O encontro conta co patrocinio de idealista.com e a colaboración de COFER (Confederación de Empresarios de Ferrolterra), a Confederación de Empresarios da Coruña e a Deputación Provincial.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández Vermellas, acompañado do presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla Ramil, será quen presida, ás 9.45 horas, a inauguración deste encontro no que se darán cita máis dun centenar de profesionais do sector.
Durante toda a xornada, expertos de primeiro nivel analizarán en profundidade a situación actual deste mercado, así como as súas perspectivas de futuro. Farano a través de relatorios e dunha mesa redonda que moderará o xornalista Pablo Portabales e na que participarán a directora do IGVS, Mª Teresa Gutiérrez López; o director da Zona Norte do idealista.com, David Herdanza; representantes de Solvia, inmobiliaria do Banco Sabadell/Galego; e o presidente de FEGEIN, Benito Igrexas.
Aspectos lexislativos como as novidades da Lei de propiedade horizontal e o fin dos alugueres de renda antiga, serán cuestións que analicen os expertos do Despacho Garrigues, convidados tamén a este II Congreso Galego do Sector Inmobiliario.
Ao longo das máis de dez horas de relatorios e debates previstas, expertos en arquitectura e rehabilitación analizarán tamén cuestións relativas á avaliación de edificios, de face a futuras rehabilitacións, así como á posta en valor de inmobles e a innovación na edificación. Esta tarefa corresponderá a expertos do Estudo López e Noya e da construtora Desenvolve.
Non faltará tampouco neste encontro a análise das moitas posibilidades que Internet ofrece ao sector inmobiliario, á hora de incrementar as súas operacións. Responsables da web www.idealista.com, patrocinadora do Congreso, analizarán en profundidade as virtudes da rede de redes para un sector como o inmobiliario.
O peche a este encontro porao o presidente de APIN: Francisco Pérez Varro e o titular da CEC, Antonio Fontenla Ramil.











