Últimos días para inscribirse no obradoiro de elaboración artesanal de cervexa en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O sábado pola tarde -a partir das 16 h.- o local social da Veiga, en Naraío, acollerá un obradoiro co que aprender a facer cervexa na casa. Miguel Soto e Elías Sixto mostrarán a súa técnica de mestres cervexeiros no marco do programa municipal Tempos para compartir. Aínda hai tres prazas libres e para apuntarse abonda con chamar ao teléfono do Concello, o 981 490 027.

Tanto Miguel como Elías son auténticos apaixoados do mundo da cervexa. Xa hai varios anos que empezaron a experimentar coas fermentacións cun sinxelo kit caseiro. A afección foi a máis e tamén evolucionou a súa técnica ata conseguir unha bebida certamente exquisita. Recentemente os dous viaxaron a Madrid para participaren no II Concurso Homebrewer EJDL, onde Elías conseguiu o terceiro premio na categoría de estilos xermanos cunha Munich Dunkel que el denominou “Riola”.

Podemos facer cervexa na casa igual que se fai sidra ou viño, aínda que coa diferenza de que o proceso é algo máis complexo e require máis paciencia. Precísanse máis ingredientes -auga, cebada, lúpulo, lévedo…- e tamén algúns recipientes especiais. Quen queira meterse no lío pode atopar kits básicos por menos de 100 euros cos que elaborar uns 30 litros de cervexa cada vez.

En calquera caso, este sábado a partir das catro da tarde, Elías Sixto e Miguel Soto falarán en Naraío dos elementos imprescindibles, dos ingredientes, dos tipos de cervexa, das elaboracións e de todo o relacionado coa moda da cervexa doméstica.

En xuño, encadernación de libretas

E xa para o mes de xuño, o programa Tempos para compartir marchará ao Camiño Arriba. O sábado 14 a partir das 16.30h., Esther Mesías ensinará a facer libretas encadernadas sen utilizar adhesivos ou pegamentos. Hai 12 prazas dispoñibles e o prazo para apuntarse remata o 30 de maio.

Este Tempos… será o derradeiro antes das vacacións do verán. Porén, o Concello busca novos temas para os próximos encontros, que se celebran habitualmente os primeiros sábados de mes e cada vez nunha parroquia distinta. Para participar como docente dun destes obradoiros, abonda con  pasar polas oficinas do Concello ou contactar coa axente de Igualdade -técnica responsable do programa- a través do 981 490 027.

7 de maio de 2014 | 14:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.