Últimos día para inscribirse na ruta de sendeirismo de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño organiza para este domingo 1 de xuño a I Ruta de Sendeirismo, que percorrerá nesta primeira edición 13,5 kilómetros da parroquia de Naraío. A ruta ten un especial interese debido a que pasará por lugares cun alto valor cultural e paisaxístico. De feito, a maior parte do camiño discorre polo LIC Xubia-Castro. 

A saída está posta para as 10 da mañá do local social da Veiga, ao pé do campo de fútbol. O primeiro quilómetro é doado. Discorre por pista asfaltada sen case ningunha costa. Porén, ao chegar ao lugar do Batán o trazado empeza a complicarse. Nese punto comeza o ascenso ao Pousadoiro por unha pista forestal peada e chea de voltas. 

A subida ao Pousadoiro é a parte máis dura do percorrido e tamén a que primeiro quedará superada. Desde ese punto os sendeiristas continuarán ata Chao do Pío, baixará ao Furado e á beira do Castro, onde collerán ruta con destino ao castelo de Naraío. Baixarán a Riolimpo e cruzarán outra vez o río para continuar polos Lamigueiros até a ponte dos Foxos, onde volverán pasar por riba do Castro para seguir despois pola presa de Blas e o muíño de Álvarez ata chegar á Ponte dos Pasos. Alí pasarán de novo á outra marxe do río e continuarán ata a Bóla -lugar onde se celebra o festival do Río Castro- e a Ponte da Ferrería, a escasos 200 metros do punto de chegada.

A ruta vai dirixida a persoas maiores de 9 anos que estean xa afeitas a andar. Neste caso aconséllase calzado cómodo, transpirable e tampouco estaría de máis -aínda que non é imprescindible- que teña certa rixidez e que protexa os nocellos.

A inscrición na ruta de sendeirismo é gratuíta e haberá que facela este venres 30 de maio como moi tarde na casa da Cultura ou ben enviando a ficha cuberta ao correo agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es.

Outros eventos da fin de semana

Ademais do sendeirismo, San Sadurniño ofrece outras oportunidades de lecer para a fin de semana. A primeira delas tamén é en Naraío. O sábado a Asociación de Veciños O Castelo presentará o programa do XXI edición do Festival do Río Castro, que se celebrará no lugar da Bóla o próximo 5 de xullo.  

A presentación abrirá cun campionato de brilé no campo da Veiga a partir das 17.30 h. ao que xa confirmaron a súa asistencia cinco equipos. Quen queira participar debe saber que non fai falla inscrición previa, abonda con estar uns minutos antes do inicio dos encontros e ser un mínimo de cinco persoas. 

Ao remate da parte deportiva, a asociación dará a coñecer o programa completo do festival deste ano, que promete manter e mesmo superar o nivel de edicións anteriores. A presentación irá acompañada -como é habitual tamén- dun concerto didáctico progagonizado  nesta ocasión polos acordenistas Manuel Cociña e Roberto Grandal. A actuación será o aperitivo dos petiscos de xamón escaldado e da repichoca organizada por O Castelo, que garante festa ata a madrugada.

O segundo grande evento da fin de semana será a VIII Feira da artesanía e degustación de carrilleiras organizada pola asociación de veciños de San Xulián de Lamas. No contorno do local social daranse cita expositores de toda a comarca para presentar produtos manufacturados e da terra. O programa indica que a feira abrirá ás 11.30 h. coa intervención do alcalde de San Sadurniño, Secundino García, quen lle dará paso ao pregoeiro deste ano, o presidente do Deportivo da Coruña, Constantino Fernández.

O menú do evento -composto de carrilleiras, empanada, requeixo, doce, pan, bebida e café- ten un custe de 12 euros para os maiores de 12 anos. Entre 6 e 12 anos o tiquet custará 8 euros e polos nenos máis pequenos a organización non cobrará prato. A música poraa o Dúo Galicia en dúas ocasións, unha ás 12.30 e outra a partir das 18 horas. A feira está organizada pola A.VV. Xuntanza de Lamas con colaboración municipal e de varias firmas comerciais.

29 de maio de 2014 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.