publicidade hoxe

Últimas xornadas para anotarse na primeira Carreira Pedestre Concello de Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

Este xoves 15 de maio, ás 23:00 horas, remata o prazo de inscrición na primeira Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, que terá lugar dende as 10:30 horas do domingo 18 de maio e que repartirá 1.100 euros en premios. A día de hoxe hai un total de 120 inscritos: 75 da categoría infantil e 45 da categoría sénior.

As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas e poden facerse a través da Federación Galega de Atletismo (www.atletismogalego.org e www.fgatletismo.es/santiago). Os demais atletas (júniors, promesas, sénior e veteranos) deberán anotarse a través da web www.emesports.es e pagar 4 euros. O Concello de Frades destina 1.100 euros en metálico para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta. Así mesmo, premiarase aos tres equipos que mellor clasifiquen a catro dos seus oito atletas inscritos.

Tamén haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres, así como trofeos especiais ao participante máis novo, ao máis veterano, ao clube-entidade-colexio que aporte máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados en Frades.

Probas

Ás 12:00 horas tomarán a saída os atletas da I Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que deberán percorrer unha distancia de 7,7 kms, con saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. As probas escolares darán comezo ás 10:30 horas coa categoría Pitufo (nados en 2010 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 10:40 horas será a quenda dos prebenxamíns (nados entre 2007 e 2009), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns (2005-2006) e alevíns (2003-2004) sairán ás 10:50 e ás 11:00 horas, respectivamente, para percorrer unha distancia de 800 metros. Por último, ás 11:15 horas tomarán a saída dos infantís (2011-2022) e cadetes femininos (1999-2000), cun percorrido de 2 kms; mentres que ás 11:35 horas sairán os cadetes masculinos (1999-2000) e os xuvenís (1997-1998) para realizar un circuíto de 2,7 kms.

O Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares, de pitufo a xuvenil), así como unha camiseta conmemorativa a todos os participantes e un avituallamento con froita e bebida ao remate da proba. A proba está organizada polo Concello de Frades e pola Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración do CPI Ponte Carreira, da Deputación da Coruña, Pepsi-Cola, Bendaña Estrella Galicia, Erimsa, Infantilandia, Cooperativa Central de Frades, Correrengalicia e Carreirasgalegas.

12 de maio de 2014 | 14:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.