Tres novos cursos de carretilleiro en Vilagarcía para os 54 mozos que quedaron en lista de espera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A excelente acollida con que contou o curso de manexo e condución de carretilla elevadora organizado a finais de marzo pola Concellería de Xuventude e a elevada demanda rexistrada é a razón pola que o departamento que dirixe Sandra García decidiu celebrar tres edicións máis da actividade formativa para dar cabida aos mozas e mozos que quedaron en lista de agarda. Cincuenta e catro persoas recibirán de xeito gratuíto a formación que lles permitirá obter o certificado de cualificación homologado para acceder a este demandado posto de traballo.

O curso de condutor de carretilla elevadora está destinado a mozos e mozas de 16 a 35 anos de idade e enmárcase no programa de accións formativas que organiza a Concellería de Xuventude co obxectivo de facilitar o acceso da mocidade ao mercado laboral. No primeiro curso participaron 14 persoas.

A Concellería estableceu tres grupos para realizar curso que impartirá KM Consultoría e Prevención nas instalacións do parque empresarial de Trabanca Badiña (número 14 da Rúa Primeiro de Maio). As sesións teóricas dos cursos desenvolveranse esta tarde (de 16 a 19 horas) e mañá (de 8.30 a 11.30 horas e de 11.30 a 13.30 horas) , mentres que as clases prácticas de condución e manexo da carretilla elevadora serán os días 12 e 14 de maio.

A través desta acción formativa os alumnos adquirirán os coñecementos básicos pata obter a certificación que o habilite para conducir e operar con carretilla elevadora. Tamén desenvolverán as competencias e habilidades precisas para manexar con seguridade e estabilidade este vehículo de carga e descarga e complementar a súa formación profesional, mellorando así as súas posibilidades reais de incorporación ao mundo laboral.

9 de maio de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.