Traballo coordinado para que a Romaría do Corpiño acade a declaración da Festa de Galicia de Interese Turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Reunión de traballo

Reunión de traballo

O edil de Turismo e o reitor do Santuario reuníronse e acordaron traballar de xeito coordinado na preparación do expediente que deberá ser aprobado polo Pleno Municipal antes de remitir á Xunta . Destacan os efectos positivos que este recoñecemento de Festa de Interese Turístico para o Corpiño suporá no tocante á dinamización do Santuario, da parroquia de Losón e do municipio de Lalín

O Concello de Lalín e a Reitoría do Santuario de Nosa Señora do Corpiño traballan de xeito coordinado na elaboración dun expediente que permita obter para esta Romaría, unha das máis populares e concorridas de Galicia, a Declaración de Festa de Galicia de Interese Turístico. Unha aprobación que deberá outorgar a Xunta, unha vez lle sexa remitido un completo dossier que se está preparando de modo conxunto e que previamente se levará a Pleno da Corporación Municipal para a súa aprobación, en base ao Decreto polo que se rexe a dita Declaración.

Sobre a coordinación e o desenvolvemento destes traballos falaron onte o concelleiro delegado de Turismo de Lalín, José  Antonio Rodríguez Fernández, e o sacerdote coordinador do Santuario do Corpiño e tamén párroco de Santa Eulalia de Losón -parroquia na que se asenta o dito Santuario Mariano-, José Criado, nun encontro mantido na Casa do Concello de Lalín.

José Criado resaltou a importancia que ten lograr este recoñecemento de Festa de Interese Turístico para esta romaría lalinense do Corpiño “porque contribuirá a poñer en valor e a aproveitar o potencial turístico que xira ao redor deste Santuario Mariano, un dos máis coñecidos en Galicia e tamén fóra da nosa Comunidade,  pois ademais das celebracións propias como son os días grandes do 23 e 24 de xuño do Corpiño e do Corpiño Pequeno, ao longo do ano son milleiros os devotos e visitantes que dos máis diversos puntos se achegan a Losón principalmente por razóns de fervor relixioso”.

“O recoñecemento de Festa de Interese Turístico contribuiría a dinamizar esta Romaría e por extensión, a dar a coñecer aínda máis o Santuario, á parroquia de Losón e o municipio de Lalín, e ademais dese xeito tamén poderíamos optar a axudas da Xunta”, remarcou.

REQUISITOS QUE REÚNE A PRIORI

O edil de Turismo, José Antonio Rodríguez, destacou que “a nós como Concello parécenos acertada a proposta de José Criado porque é positiva para todos xa que contribuirá a un maior aproveitamento dos recursos e do potencial turístico do Santuario lalinense; de aí que colaboraremos en todo o que estea nas nosas mans”. “Polo de pronto no encontro mantido con José Criado estivemos mirando os requisitos establecidos no Decreto da Xunta para lograr o dito recoñecemento entre os que se atopan, unha antigüidade mínima de dez anos; a singularidade; o arraigamento e o valor cultural, todas elas premisas que a priori se cumpren no Corpiño”, salientou.

“Agora trátase de entre José Criado -a quen lle agradecemos especialmente a súa implicación para co Santuario e coa parroquia de Losón desde que asumiu a Reitoría vai para dous anos-, e os técnicos municipais de Turismo de artellar a solicitude que deberá incluír unha memoria explicativa completa na que se faga referencia á data de orixe da festa e se inclúan fotografías, folletos, libros ou calquera material gráfico que avale a petición”, explica o concelleiro. “Un traballo que Criado ten xa bastante avanzado e que consideramos que se poderá levar a aprobación polo Pleno nos vindeiros meses”.

“Consideramos que alcanzar esta distinción ten gran importancia para un municipio como Lalín, pois O Corpiño -xunto, por suposto, coa Feira do Cocido de Lalín- é un referente; se dis que es do Corpiño case todo o mundo te identifica, pois é unha das Romarías con máis sona de Galicia, é o noso particular “Lourdes” ou “Fátima” galego”, di. “Lograr este recoñecemento suporía sinerxias positivas para todos e contribuiría a dinamizar o Santuario e o seu entorno, que experimentou un proceso de humanización moi considerable grazas á recente obra realizada desde o Concello e a Deputación e, en definitiva, a dar a coñecer Lalín a través do Corpiño”.

15 de maio de 2014 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.