publicidade hoxe

Termatalia é declarada de Interese Turístico polo Ministerio de Turismo de Arxentina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Termatalia Arxentina

Termatalia Arxentina

O goberno arxentino, a través do seu Ministerio de Turismo, declarou a Termatalia como “Evento de Interese Turístico”, pola súa contribución á difusión e promoción deste país a nivel internacional e por ser un punto de encontro do sector do turismo de saúde e benestar e da industria termal que reunirá en Arxentina a profesionais de 25 países. A 14ª edición de Termatalia celebrarase en Termas de Río Fondo (provincia de Santiago del Estero) entre o 2 e o 4 de outubro de 2014. Esta declaración supón un paso máis no compromiso coa feira que adquiriron os principais axentes involucrados no desenvolvemento do turismo en Arxentina. Ademais, reforzará este centro de negocios internacional no que poderán atopar novas oportunidades comerciais empresas de Europa e América, principalmente.

Entre as características que levaron a que Termatalia sexa recoñecida de interese turístico, o Ministerio destacou ademais o feito de que o turismo de benestar sexa un segmento relativamente novo dentro da industria de viaxes e o turismo global e no que Arxentina pode destacar polo seu enorme potencial, ao contar con augas mineromedicinais en 19 das súas 22 provincias.

Marca País

Ademais do recoñecemento como evento de Interese Turístico, o Ministerio de Turismo arxentino concedeu ademais a Termatalia a licenza para utilizar a súa “Marca País” na súa próxima edición. A Marca Arxentina outórgase a aquelas empresas e entidades que ofrecen valor engadido á promoción da marca baixo estándares de calidade.

A Marca País Arxentina é unha Política de Estado ten a misión de situar dunha maneira eficiente á Arxentina no Mundo e a través dela, o país coordina os seus factores diferenciais para situarse con éxito nos mercados do mundo, fomentando as exportacións, o crecemento do turismo, os investimentos e difundindo a cultura. No lanzamento da nova imaxe, o ministro de Turismo, Carlos Enrique Meyer, indicou nun comunicado oficial que a Marca País é a estratexia que nos permite mellorar a percepción do país no mundo. Non se trata só dunha estratexia turística senón que busca mostrar ao mundo os seus atributos baseados en catro alicerces, o turismo, a industria, a cultura e a atracción de investimentos”.

Arxentina logrou o 2º lugar do ranking “Marca País”, segundo o estudo da consultora privada Future Brand. A investigación mediu o seu posicionamento no mundo, tomando como referencia unha serie de atributos diferenciais que permitiron que este país lograse tal recoñecemento. Termatalia Arxentina situará a Termas de Río Fondo como a capital termal mundial.

Estes recoñecementos por parte do goberno arxentino, supoñen unha excelente oportunidade para estreitar relacións entre España, país de orixe do proxecto Termatalia, e o país de acollida. Ambos os países manteñen unha intensa relación bilateral marcada polos fluxos migratorios, o investimento español, o comercio e o turismo. A oferta comercial española está ben valorada polos arxentinos e as importacións non deixaron de crecer nos últimos anos.

Por parte do Goberno Español, Termatalia conta co “Selo de Internacionalidade” que outorga o Ministerio de Economía e Competitividade.

19 de maio de 2014 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.