publicidade hoxe

Teo publica a oferta de campamentos de verán para cativos con idades entre 7 e 18 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeoXuventude
A-
A+

O Departamento de Mocidade, dirixido por Xurxo Francos, publica a convocatoria de campamentos para este verán 2014. Como é habitual o Concello de Teo organiza dous campamentos, un infantil dirixido a nenos/as de 7 a 13 anos e un xuvenil para rapaces e rapazas de entre 13 e 18 anos que deben estar empadroados en Teo.

Os campamentos realizaranse no albergue de Santa Cruz (Oleiros). O infantil entre o 18 e o 27 de agosto e o xuvenil entre o 4 e o 13 do mesmo mes. O custe de cada un deles é de 100 euros no que se inclúe o traslado ás instalacións. A reserva de praza hai que facela entre os días 15 de maio e o 7 de xuño. O acceso ás prazas dispoñibles farase por rigurosa orde de inscrición. O campamento infantil ten 100 prazas e o xuvenil 30 xa que tradicionalmente conta con moita menos demanda.

Xunto coa ficha de inscrición, que xa se pode descargar da web municipal, hai que entregar unha foto tamaño carné e no caso de ter unha doenza ou un tratamento específico débese achegar un xustificante médico. Tamén se debe indicar se se padece algún tipo de alerxia. O Concello convoca unha reunión informativa sobre o funcionamento da actividade para o venres 13 de xuño ás 20:00 horas no salón de plenos.

As persoas admitidas nos campamentos deberán facer o pagamento entre o 23 e o 5 de xullo, no caso do campamento infantil; e entre o 23 e o 10 de xullo os participantes no xuvenil. As persoas que formalicen o pagamento e entreguen o xustificante no Concello neste prazo sinalado perderán o dereito á praza e chamarase ás solicitudes da listaxe de agarda.

Campamento Deputación

Por outra banda a Deputación ten aberta xa a inscrición para os Campamentos Deportivos que organiza. No caso de Teo dispón de oito prazas para nenos/as nados entre o 2000 e o 2004. As persoas interesadas en participar nesta actividade lúdica deben formalizar a inscrición ata o 19 de maio no Rexistro Xeral do Concello. No caso de que as solicitudes superen o número de prazas dispoñibles farase un sorteo público o 20 de maio ás 10:30 horas na Casa do Concello.

9 de maio de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.