Teo organiza unha velada literaria e musical para celebrar as Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Teo, dirixido por Carme Hermida, ten pechados os actos de celebración das letras galegas. Esta sábado 17 de maio realizarase unha velada literaria e musical na que a obra e figura de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano, será o fío conductor. Segundo explica Carme Hermida os colectivos e asociacións convidadas interpretarán pezas musicais con letras de poemas de Díaz Castro ou que lembren a súa figura.

Deste xeito a homenaxe institucional de Teo conta coa presenza do asociacionismo a través da participación da banda de música da SR de Calo, as pandereteiras e gaiteiros da AC A Pontevella, a coral polifónica da AC A Mámoa, as pandereteiras da AC Rosalía de Castro de Cacheiras e a AC A Rexionalista. Algunhas das pezas que soarán son “O tío Pepe”, a canción “Maite” ou o pasodobre “Lembranzas”.

Tamén intervirán no acto o alumnado do obradoiro municipal de guitarra que interpretarán “A noite é” e o grupo de teatro do IES de Cacheiras que recitará varias composicións do autor de Nimbos. A xornada pecharase coa proxección do documental “O instante eterno”, de X. A. Cascudo, un traballo audiovisual sobre a figura de Díaz Castro.

Contacontos

E para seguir celebrando as letras galegas Cultura programou tres sesións de contacontos infantís neste mes de maio nas bibliotecas municipais de Cacheiras e Os Tilos. O venres 16 de maio ás 18:00 horas na Casa Común dos Tilos haberá unha sesión de contacontos e música sobre as Lembranzas de Díaz Castro. Está indicada para nenos/as a partir de 8 anos e o acceso é gratuíto.

O venres 23 de maio ás 18:00 horas na Mediateca do Grilo a compañía Trinke Trinke Teatro presenta Aventuras na cociña. Un contacontos teatral onde poderemos coñecer un pouco mellor a uns ratos de biblioteca procedentes de Lonxedetodo. Estes ratiños fan animación á lectura para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. A última sesión deste mes de maio será o 30 de maio na Casa Común dos Tilos ás 18:00 horas con Migallas e a súa Merenca con pan de millo. Neste caso a actividade está indicada para cativos/as de 4 a 12 anos e como nas sesións anteriores o acceso é de balde.

Dende a Concellaría de Cultura agradecen que cada asistente faga unha contribución ó Banco Veciñal de Alimentos de Teo de produtos comestibles non perecedeiros.

12 de maio de 2014 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.