Teatro, recitais de poesía, presentación de libros e contacontos nas Letras Galegas en Brión
O Concello de Brión vén de presentar un intenso programa de actividades para a conmemoración do mes das Letras Galegas 2014, dedicadas á figura do poeta Xosé María Díaz Castro. Unha programación que inclúe unha trintena de contacontos, recitais de poesía, presentación de libros e representacións teatrais nas que participarán todos e cada un dos nenos e nenas escolarizados no municipio.
Porén, a programación tamén inclúe actividades abertas a toda a veciñanza. De feito, a primeira delas terá lugar este venres 9 de maio e servirá para lembrar a figura das Letras Galegas de 2013: Roberto Vidal Bolaño. Así, este venres, ás 20:30 horas, a sala de exposicións municipal de Brión acollerá a presentación do libro “Fóra de portas”, unha biografía de Vidal Bolaño realizada polo seu fillo Roi Vidal Ponte.
“Fóra de portas” é un percorrido pola vida de Roberto Vidal Bolaño no que o Roi Vidal lle dá voz a varios narradores: a Lúa, o nariz de pallaso, a furgoneta, o chapeu, o monte Pedroso en Santiago e a catedral. Distintos estilos, diversos puntos de vista, para unha mesma e intensa biografía. O acto contará coa presenza de Roi Vidal e de Francisco Macías, da editorial Positivas.
Actividades para o público
Un día despois, o sábado 10 de maio, terá lugar a estrea da obra “As Lisimacas”, a cargo do Grupo de Teatro do IES de Brión. Esta adaptación da “Lisístrata” de Aristófanes poderá disfrutarse ás 20:00 horas no centro social polivalente. A entrada é libre e de balde.
O venres 16 de maio, ás 20:30 horas, Jesús Pereira Ríos “Suly” inaugurará unha exposición de pintura que poderá visitarse na sala municipal de exposicións ata o 13 de xuño. E o domingo 18 de maio, ás 12:30 horas, Caramuxo teatro presentará “As fabas máxicas”, unha representación realizada en colaboración co programa FalaRedes da Xunta de Galicia.
Programación para os escolares
No que atinxe á programación dirixida aos escolares, todas elas terán lugar no auditorio do centro social polivalente. Tim Bowley e Charo Pita darán o pistoletazo de saída o luns 12 de marzo, ás 11:20 horas, coa obra “Dúas linguas, una historia”. Unha peza dirixida a alumnos e alumnas do IES de Brión e incluida no programa Ler conta moito da Xunta de Galicia. O mércores 14 de maio, ás 12:00 horas, Santi Prego presentará “Contos da lúa” aos alumnos e alumnas de 2º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Larraitz Urruzola pechará esta primeira semana de actividades presentando “Babamor” o venres 16 de maio, ás 12:00 horas, diante dos alumnos e alumnas de 1º Ciclo de Primaria do colexio.
O luns 19 de maio, ás 11:20 horas, Avelino González presentará “Contos literarios” aos alumnos e alumnas do IES de Brión; mentres que o mércores 21 de maio, o Grupo Ouriol dará un recital poético-musical, denominado “Nimbos”, con poemas de Xosé María Díaz Castro para rapaces e rapazas do IES de Brión. Ambas actividades conta coa colaboración do programa Ler conta moito. E o venres 23 de maio, As Tocadoras de Ningures actuarán para para alumnos e alumnas de 2º da ESO.
Para a terceira semana, Sarabela Teatro representará “O ovo máis bonito”, dirixido a rapaces e rapazas de 3º de Primaria o luns 26 de maio, ás 12:00 horas. O mércores 28 de maio, Trinketrinke Teatro presenta “Aventuras na cociña” tanto aos alumnos de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (10:15 h.) como das Escolas de Luaña, Os Anxeles e Bastavales (12 h.). Por último, o venres 30 de maio, Migallas Teatro representará “Os contos do chupete”, dirixido aos meniños e meniñas da gardería municipal.











