Teatro e música únense na terceira xornada de Teatro Ponte… Na Escena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

O II Festival Internacional de Teatro Ponte… na Escena continúa, mañá sábado, coa súa programación teatral; e como novidade este ano, a música tamén estará presente.

Foro aberto do teatro Ponte… No Foro

Esta 2ª edición do Festival quere abrirse ás persoas que aman e viven o teatro intensamente; para iso, realizarase un encontro de todos os grupos con afeccionados e xente interesada en trocar experiencias.

Actores de Bahía, directores de Portugal, actrices de Francia, cantantes de Portugal, titiriteiros de Galicia, músicos de Brasil, programadores e compañías de teatro afeccionado vanse dar cita mañá, sábado 10 de maio, ás 11.00 hs. no Centro Neural de Gondomar para abrir camiños de colaboración e entendemento desde as diferentes propostas escénicas que o festival ofrece.

A directora brasileira Maren Vargens, o director galego Fran Núñez e o portugués Moncho Rodríguez moderarán un foro aberto a todas as persoas que queiran debater, achegar propostas e establecer pontes de diálogo con outras compañías.

Animamos a todas as persoas relacionadas coas artes escénicas a presentar os seus traballos artísticos neste foro para que sexan coñecidos e teñan oportunidade de ser trasladados a outros contextos favorecidos pola proximidade cultural e lingüística.

Meran Vargens. Qualquer coisa a gente inventa

Ao remate do Foro Aberto, no bar Catro Camiños, Meran Vargens porá  “en escea” Qualquer coisa a gente inventa.

A peza é unha sesión de historias inventadas na hora a partir de estratexias da narrativa escénica, onde o público, se quixese, poderá interferir nas historias e nas propostas de escena. Cada día posúe un guión único aínda que varios xogos sexan repetidos en diferentes sesións. A atmosfera é de encontro, intimidade e cambio de experiencias de vida que habitan as nosas memorias, soños e noso rico universo imaxinario.

A cita será ás 13.00 horas e a entrada é libre.

Espectáculo de rúa. ZÉ DO PITO O MATA 7

Esta 2ª edición pretende consolidar a Gondomar como referencia do teatro e estender as actividades do festival aos concellos da comarca do Val Miñor. Deste xeito, para promover a implicación dos concellos e outras agrupacións da comarca, Fafe Cidade Das Artes ofrecerá o espectáculo de rúa, ZÉ DO PITO O MATA 7, en Baiona ás 17.00 horas e en Gondomar, ás 19.30 horas.

A compañía portuguesa achéganos unha versión libre da lenda popular da Serpente de 7 cabezas de Fafe (conto recollido por Artur Coimbra). Este espectáculo pretende ser apenas un exercicio de linguaxe do teatro popular “Minhoto”. Unha lectura contemporánea dunha lenda tradicional.

Con este espectáculo, Fafe Cidade Das Artes promove a integración de alumnos das Oficinas de Interpretación Teatral, desafiándoos a participar nun espectáculo que percorrerá diferentes escenarios.

Grupo Toca de Teatro. AMNÉSIS. Uma busca intencional pela lembrança

Depois do grande éxito de público e crítica do espectáculo musical ATIRE A PRIMEIRA PEDRA, que recibiu 4 nominacións ao premio Braskem de Teatro incluíndo a categoría de Mellor Espectáculo do Ano, o Grupo Toca de Teatro presenta o seu novo traballo. Trátase da montaxe AMNÉSIS. Uma busca intencional pela lembrança (direção: Meran Vargens), que se representará no Auditorio Lois Tobío ás 22.30 horas.

De  xeito lúdico,  metafórico  e  divertido,  o  espectáculo  reúne  innumerables historias  de  distintas vidas. En escena, os tres actores mergúllanse nunha serie de aventuras, celebracións e aprendizaxes dando vida a diversos personaxes que transitan por lugares históricos.

Espectáculo musical. JU

A música terá tamén neste festival unha proposta novidosa en Galicia, trátase da cantante JU que realizará unha intervención acompañada polo seu guitarrista, no Catro Camiños ás 00.00 horas. A entrada é libre.

JU naceu e vive en Fafe. Desde moi cedo demostrou o seu interese polas artes escénicas. Tiña 4 anos cando decidiu adicarse á música.

Comezou o seu camino como estudante de ballet clásico e seguiu ese camiño durante 15 anos. Na universidade optou polo teatro e as artes performativas.

Nunha viaxe de aprendizaxe, acabou por encontrar a João Nobre (fundador e baixista da banda “Da Weasel”) e a João Monge (letrista de Rui Veloso, Ala dos Namorados, Camané, Rio Grande…) quenes tiñan un espectáculo no que ela acabou encaixando á perfección.

9 de maio de 2014 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.