Suspéndese a conferencia sobre a música en galego en Maio, mes da lingua
A Liga Estudiantil Galega suspendeu a conferencia “A música en galego: un mundo por descubrir” prevista para mañá na Xunqueira I e incluída dentro da programación de Maios, mes da lingua.
O que si se mantén é a conferencia que acolle esta tarde o Local Social do Burgo, a partir das 20.30 horas, sobre “Xosé María Díaz Castro e a súa poesía”, a cargo do especialista e crítico literario Armando Requeixo.
Armando Requeixo é profesor, crítico literario e membro da Sección de Crítica da AELG. Como investigador e ensaísta tense ocupado da obra de Ánxel Fole, Luís Seoane e Celso Emilio Ferreiro entre outros. Recibiu varias distincións polo seu labor, entre elas o Premio Literario Anxel Fole no 2010. Dedicou á figura do autor de Nimbos a súa tese de doutoramento “A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica”.
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración con máis de corenta colectivos educativos e culturais, organiza o programa Maio, Mes da Lingua, que aglutina máis de medio cento de actividades que teñen en común dinamizar o uso da lingua galega.











