Suprímese unha liña e 9 frecuencias de transporte metropolitano ao seu paso por Bastavales, en Brión
A Dirección Xeral de Mobilidade vén de comunicarlle ao Concello de Brión a supresión dunha liña de transporte metropolitano (a Liña 2 Buxán-Rois (Antequeira)-Estramundi de Arriba-Samil-Santiago), o que suporá nove frecuencias menos para os veciños e veciñas. Unha decisión que foi aprobada o 17 setembro de 2012 polo Consello Galego de Transportes pero que non se fixo pública ata o de agora, que os veciños e veciñas afectados volveron presentar unha queixa no Concello de Brión.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, considera que “a Xunta está a actuar con nocturnidade e aleivosía neste caso pois dende a Dirección Xeral de Mobilidade dixeron en agosto de 2012 que os veciños tiñan razón nas súas protestas e que non habería supresión de frecuencias, pero resulta que un mes despois fallan a favor da empresa e non llo comunican a ninguén, nin aos veciños nin ao Concello”. De feito, o Concello de Brión ten coñecemento desta decisión debido á resposta que a Dirección Xeral de Mobilidade vén de dar esta mesma semana a unha nova queixa veciñal trasladada polo Concello de Brión o pasado 27 de marzo pola alteración dos horarios na devandita liña.
Toma da decisión sen informar
Nesa resposta, na que se adxunta a Resolución de Reestruturación das Condicións de Explotación da concesión de Viajes Rois SL (antiga Autobuses Bustelo) con data 3 de marzo de 2014, a Xunta recoñece que “o Concello de Brión remitiu á Dirección Xeral de Mobilidade, o 3 de xullo de 2012, unha queixa presentada por veciños do mencionado concello en relación coa supresión de varios servizos do contrato de Viajes Rois SL. Á súa vez, tamén se recibiron reclamacións de varios particulares no mesmo senso”. A novidade radica no seguinte parágrafo que di: “Finalmente, solicitouse informe ao Consello Galego de Transportes que, na reunión da comisión permanente, de data 17 de setembro de 2012, acordou por unanimidade emitir informe favorable á reestruturación do contrato”.
Entre ambas datas, o 9 de agosto de 2012, o subdirector de Ordenación de Transporte, Antón García Río, respondía ás queixas presentados por 333 veciños e veciñas de Bastavales informando de que “se realizaron recentemente as actuacións inspectoras correspondentes e se procedeu á reposición dos servizos de transporte suprimidos. De advertir calquera outro incumprimento na prestación dos servizos por parte desta ou doutra empresa, pregariámoslle que o poñan de novo en coñecemento desta Dirección Xeral de Mobilidade para que desde aquí se tomen as medidas oportunas”.
O alcalde brionés, Xosé Luís García, considera que “non é de recibo que dende a Xunta nos comuniquen que todo está ben, que as cousas volven á normalidade e incluso nos pidan que avisemos se a empresa non cumpre o acordado cando 40 días despois adoptan a decisión contraria, ás agachadas e sen dicirlle nada a ninguén”. García considera que “é un novo exemplo do escurantismo co que se está a levar nos últimos tempos o Transporte Metropolitano na comarca de Santiago, como aconteceu o ano pasado cando se suprimiron liñas de transporte sen ningún tipo de debate ou aviso”.
Cambios
As modificacións aprobadas pola Dirección Xeral de Mobilidade son as seguintes:
1-Supresión da Liña 2 Buxán-Rois (Antequeira)-Estramundi de Arriba-Samil-Santiago, debido “á ausencia de usuarios”. Especificando que “o tramo Santiago-Rois queda cuberto pola actual Liña 1”.
2-Supresión da concesión do tramo Buxán-Herbogo-Infesta-Rois (Antequeira), en favor da empresa Hermanos Ferrín SL.
3-Reducción de expedicións, como consecuencia da supresión da Liña 2. Así, nos días laborais (de luns a venres) redúcense 3 frecuencias de ida e outras 3 frecuencias de volta. Os sábados laborables perderíase unha frecuencia de ida e outra de volta; mentres que os domingos e festivos desaparecería unha expedición de volta.
A ruta afectada fai as seguintes paradas: Extramundi de abaixo, Extramundi de arriba, A Senra, O Castro, Samil, Rois (Antequeira), Oín de Abaixo, Pontemoeiro, Peruca, O Cruceiro, O Casal, Meana, Siaxe, Tourís, Francelos, Coruxido, Casaldoeiro, Soigrexa, Sabaxáns, Chave da Ponte, Chave de Carballo, A Telleira, Eirapedriña, Guimaráns, Framil, Costoia, Pardiñas, Casas do Monte, Paredes, A Barcia, Vidán, Campus Sur e Santiago Este.











